InicioCulturaBenedicta Sánchez, a corguesa que triunfou en Cannes: "Se vexo arder Galicia...

Benedicta Sánchez, a corguesa que triunfou en Cannes: “Se vexo arder Galicia é como ver arder a miña nai”

Fáiselle raro ser recoñecida e "estar entre dous mundos", pero está encantada de formar parte do filme de Oliver Laxe, unha cinta que reflicte a problemática dos incendios na nosa terra. "Só lles faltaba collerme no colo e arrolarme", di sobre os membros do equipo. Nesta segunda parte da conversa que mantivemos con ela, Benedicta cóntanos entre risas unha morea de anécdotas da rodaxe.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Antes de que a muiñeira que bailou Benedicta Sánchez na alfombra vermella de Cannes dera a volta ao mundo, xa ela viaxara moito. Do Corgo a Río de Janeiro, a historia de vida desta muller é imperdible. Agora, con 83 anos, emprendeu unha nova aventura: a de poñerse diante da cámara de Oliver Laxe, director do filme ‘O que arde’. A película, que aborda os incendios en Galicia, obtivo o premio do xurado na sección ‘Un certain regard’ do prestixioso Festival de Cannes. Quen máis brillou aquel día foi Benedicta, claro.

— Sinto certo agobio. Non polas vivencias en si, que foron bonitísimas. Pero é coma se me poñen a vinte graos de temperatura e logo a cincuenta baixo cero: estou entre dous mundos. A xente coñéceme pola rúa, no supermercado, danme a noraboa, danme apertas… Que cousas. Pero non estou nin nun lado nin no outro!

A Benedicta case que lle dá apuro esta fama repentina, pero lembra con moito agarimo o proceso da rodaxe e iso equilíbrao todo. “Só lles faltaba collerme no colo e arrolarme”, di, en referencia aos membros do equipo. “Tratábanme demasiado ben todos”. Tamén foi “encantadora” a xente de Navia de Suarna, onde se filmou a película. “Eu non coñecía Os Ancares e tiña ganas de velos. A miña filla levoume alí cando saíu o do casting e xa foi cando coñecín a Oliver”. Fala da rodaxe e enrédaselle o relato en risas e anécdotas:

— Foron todos encantadores. Pero, claro, ven unha mulleriña coma min… Mandábame ir polas carballeiras xente que se criou na cidade, que non coñece o campo, e preguntábanme: “Ti podes correr por aí?” Corro, ho! Botei a correr. […] “Vuelve!” Volvín. Que cachondeo. Díxome un: “e para onde ías correndo con tanta présa?” Eu contesteille: “ía buscando un coello, que eu teño unha coella e preciso un coello porque se non non podo ter coelliños”. Mira…,  que risas.

[…]

— Sempre andaban dicindo que era un pracer traballar comigo. Unha vez había que subir a unha carballeira cunha bolsa. Andrés, un encanto de muchacho de 23 anos, ía diante para ir abríndome camiño. “Pero vós non estades ben da cabeza…”, dicía eu. A min que me ensinen inglés ou matemáticas, pero isto…  Eu ía andando e o Andrés quedaba atrás. E quería apartarme as silvas, apartarme os fentos. “Apartade de diante vós, que me ides facer caer!” [máis risas]. Pero, claro, tamén o entendo. Imaxínate que me accidento e non pode continuar a cousa. […] Pero quedar quedaban todos atrás, eh, deixábaos a todos detrás! Sábeno perfectamente.

Os montes eran un escenario recorrente na película, que conta a historia dun pirómano que estivo no cárcere (papel que interpreta o fonsagradino Amador Arias) e volve a xunto de súa nai (Benedicta Sánchez).

— Os lumes horrorízanme, que tristeza. Cando en Cannes puxeron a película e apareceu a arboreda, o primeiro que fixen foi chorar. Todos os meus antepasados foron galegos, eu son galega e defendo a Galicia con unllas e dentes. Se a vexo arder, é coma ver arder a miña nai. Por máis mala que fora Galicia comigo, é miña nai.

Proximamente, a película e mais o seu equipo viaxarán ata o Festival de San Sebastián, onde poden seguir colleitando recoñecementos. Benedicta, ademais, xa foi distinguida coa Medalla Castelao 2019. Di que, uns días antes do acto de entrega, o presidente da Xunta recibiuna a ela e mais a Amador Arias, o seu compañeiro na película. “Eu non sei se Feijóo é bo ou malo, pero o abrazo que me deu sentino coma un gran premio”, conta.

Nesa parte máis institucional aínda non acaba de verse, porque nunca alí contou chegar.  Tantas voltas lle deu a vida que agora anda tramando a posibilidade de deixar rexistrada a súa historia coa axuda dunha gravadora. Gustaríalle facelo así, di. Tamén recompilar todos os textos que escribiu. Son poemas con rima porque ela é “tola pola música” e porque se lle axeita máis artellalos desa maneira. Escribe sobre ela mesma, sobre o amor, as ideas, a natureza… Quen sabe se se sentirá tamén inspirada por estes “dous mundos” paralelos que di habitar. Á fin, non poden estar tan lonxe o un do outro se converxen nela mesma.

— A ti gústache escribir? Cóntame algo de ti.

 


[Esta é a segunda parte da conversa que mantivemos en Lugo Xornal con Benedicta Sánchez. Podes ler a primeira parte aquí ]

Benedicta Sánchez: a vida de película desta muller do Corgo antes de ser unha estrela en Cannes

ÚLTIMAS

Detido un home en Lugo acusado de apuñalar á súa muller

Un home foi detido esta madrugada en Lugo acusado de propinar varias puñaladas á súa...

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...