A Deputación de Lugo reforzará a súa estratexia de promoción do territorio amosando esta fin de semana os atractivos da provincia en dúas feiras turísticas destacadas no calendario nacional e internacional: Expocidades e Expovacaciones. A institución provincial terá presencia en ambas citas que se desenvolverán en Amarante (Portugal) e Bilbao desde este venres e ata o domingo, 10 de maio, co obxectivo de consolidar a imaxe do territorio como un destino atractivo e sostible.
Os expositores da Deputación contarán en ambos casos con información dos destinos e concellos da provincia de Lugo e tamén das dúas Reservas da Biosfera que xestiona, Ancares Lucenses e Terras do Miño.
Expovacaciones terá lugar no Bilbao Exhibition Centre e alí a Deputación de Lugo conta cun público fiel, que en moitos casos xa coñece o territorio e busca novidades, sobre todo no eido do turismo sostible e experiencial. Tamén ten unha cota importante de visitantes atraídos polo turismo de raíces, pois moitas das persoas que visitan o expositor da Deputación son parentes de emigrantes que marcharon ao País Vasco e continúan tendo moita vinculación coa provincia de Lugo. Trátase dunha feira con moitísimo seguimento que o ano pasado superou os 30.000 visitantes e 200 destinos turísticos.
Expocidades terá lugar este ano no Parque Multifuncional do Rossio de Amarante, en Portugal. Un evento que permitirá á Deputación dar a coñecer a provincia de Lugo no mercado portugués, onde continúa a ser bastante descoñecida. Ademais, a institución provincial terá a oportunidade de reforzar o traballo en rede e intercambiar experiencias no eido do turismo cos restantes territorios e membros do Eixo Atlántico.
