A Deputación achegará 100.000 euros ata 2027 á Fundación TerrEo, de Ribeira de Piquín

A xunta de goberno provincial axudará con 27.000 euros a Vilalba para organizar as festas patronais de San Ramón e Santa María.

Nota De Prensa, Corte E Foto: A Deputación Apoia A Actividade Dá Fundación Terreo De Ribeira de Piquín Para Crear Emprego Non Rural. DEPUTACIÓN DE LUGO

Deputación de Lugo colaborará coa Fundación TerrEo, impulsada polo Concello de Ribeira de Piquín para favorecer o dinamismo económico e a creación de emprego no rural, a través dunha achega de 100.000 euros en catro anualidades, entre 2023 e 2027. Así o acordou a xunta de goberno provincial e o avanzou a portavoz socialista, Pilar García, quen lembrou que a institución provincial xa coopera con esta fundación para o funcionamento da piscifactoría de Santalla, xunto cun polígono agroecolóxico e unha explotación de ‘porco celta’.

“Comprometémonos con esta iniciativa porque concorda co modelo de desenvolvemento rural que defendemos na Deputación”, pois aproveita “os enormes recursos e potencial que temos na provincia para crear riqueza e emprego e, por tanto, contribúe a fixar poboación“, explicou García Porto.

A maiores, a xunta de goberno acordou achegar 27.000 euros ao Concello de Vilalba para a organización das festas patronais de San Ramón e Santa María, que serán do 23 de agosto ao 3 de setembro. A portavoz destacou que estas celebracións supoñen “un auténtico revulsivo económico” para a vila, “sobre todo no sector da hostalaría, do comercio e do turismo”.

OUTRAS ACTUACIÓNS


Ademais, a Deputación deu ‘luz verde’ á solicitude de Barreiros para destinar 34.700 euros de remanentes do Plan Único 2023 para rexenerar accesos a seis recintos de festas: Cabarcos, Matomaior, Sante, Romiña-O Barreiro, Vilar e Proida-Camiño Real.

De igual modo, o Concello de Guitiriz poderá destinar á pavimentación da rúa da Soidade 12.200 euros de remanentes dunhas obras que foron financiadas polo goberno provincial para acondicionar un paseo peonil na rúa Manuel María. Por outra banda, a Deputación pagará unha subvención de 6.000 euros á mancomunidade de montes de Santa Cruz e Capela de Ove, en Ribadeo, para equipamento do seu local social.