InicioCulturaFernández Queipo: “Nun novo espazo melloraremos a Feira do Butelo”

Fernández Queipo: “Nun novo espazo melloraremos a Feira do Butelo”

O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, amósase satisfeito polo alcance da Feira do Butelo, para a que reivindica un espazo meirande

PUBLICADA O

- Advertisement -

Durante o sábado e o domingo, A Fonsagrada vive con orgullo a XXII Feira do Butelo. Cita invernal e de carácter tradicional, representa un escaparate gastronómico con capacidade de conectar coa contorna e render homenaxe á cultura local. De todo o noroeste chegan produtos xusto cando a afluencia de peregrinos pasa a época máis feble. O alcalde Argelio Fernández Queipo traslada as condicións de presente e futuro deste sustento económico e turístico.

Trátase da primeira edición baixo o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Que unha feira coma a do Butelo se inclúa dentro do catálogo de feiras turísticas de Galicia concede un plus. É un recoñecemento que xa pretendíamos ter cando aquela norma primitiva, que despois ampliaron, un recoñecemento ao traballo ben feito nunha feira asentada a nivel gastronómico e turístico. É un referente a nivel da provincia de Lugo, de Galicia e de Asturias. Somos a porta de entrada do Camiño Primitivo, e a Feira é un complemento máis para este sector na Fonsagrada.

Turismo de Galicia

A reivindicación pendente é a da Indicación Xeográfica Protexida para o butelo.

É máis complicado de conseguir, pero seguiremos loitando e esperamos conseguila.

Preocupa que a eventual protección do butelo poida ocasionar dificultades aos produtores?

Todo o que sexa asentar bases máis estritas sempre trae algún dor de cabeza, pero creo que traballando como se traballa neste produto, con todas as garantías sanitarias e con produtos de primeira calidade, non penso que tivese ningún problema para poder asentarse sen receos de ninguén.

Cinco mil asistentes, dez toneladas de produto… debe a feira seguir medrando na mesma dirección, ou é preciso un novo enfoque?

En tamaño estamos ben dimensionados. Dez toneladas de produtos cárnicos son moitas toneladas. Non é soamente o que se xera na propia feira, é o que se xera para a industria cárnica, que ten un esmerado coidado para un produto de primeira calidade, e que redunda nun produto con recoñecemento a todos os niveis. Iso serve de lanzadera para mercados exteriores nos que traballar o resto do ano.

A Feira do Butelo ten cumprido o seu obxectivo. Que se pode mellorar? Pois probablemente. Estamos limitados polo espazo da carpa. No futuro hai que darlle unha volta, buscar outro sitio, mirar de construír un edificio de servizos múltiples para mercados e para a Feira, que teña máis capacidade e que redunde en aforro para o Concello: a carpa supón 19.000 euros o aluguer para a fin de semana, sen outro aproveitamento.

Darío Campos e Argelio Fernández Queipo na Feira do Butelo | Deputación de Lugo

No próximo mandado, se teño a sorte de saír reelexido alcalde, traballaremos nese sentido para que A Fonsagrada teña un punto céntrico con espazo abondo para esta e outras feiras. Estamos falando de diferentes aspectos que modificar na Feira; o primeiro é atopar o espazo, e dentro dese espazo faremos o que sexa oportuno.

É posible atopar nesta feira tradicional queixos ou viño. O que supón unha importante relación cos concellos da bisbarra.

Mesmo o Concello de Negueira, produtor de viño, ten asignado o seu stand. E outros concellos concorren cos seus produtos a unha feira na que temos produtos que complementan e que fan unha feira agradable de ver. Nos sesenta e tres stands temos incluso quen vén de Cantabria, con anchoas traídas de Santoña; dende o Courel, castaña; panaderías da Terra Chá; queixos de Pedrafita e Taramundi.

Representación do Partido Popular na anterior edición

Tamén é unha oportunidade de brillar para a xente sobranceira da Fonsagrada.

Illa Pancha é un grupo con case todos os integrantes da Fonsagrada, que fai unha música moi elaborada e agradable de escoitar. Despois está a asociación cultural  Antaruxas e Sorteiros, coa música e os bailes, que nos acompañarán no domingo.

E a entrega do Butelo de Ouro a persoas que son de aquí do Concello, membros da Real Academia Galega: Pegerto Saavedra, historiador, e Antón Santamarina, filólogo. Son persoas ás que temos que agradecer moitas cousas, que traballan sempre na sombra pero coa Fonsagrada por bandeira. É unha fin de semana para desfrutar, comer ben e estar cos amigos, e ter un momento de recoñecemento ás xentes que tanto levan feito pola Fonsagrada.

Negueira rescata a cultura do seu viño centenario

ÚLTIMAS

Luz verde aos 22 millóns de euros do Plan Deputación 2025

O Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres, no seu Pleno ordinario, as bases...

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...