InicioMedioambiente e PatrimonioFin da impunidade? Reábrese a investigación dos incendios de Tebaida

Fin da impunidade? Reábrese a investigación dos incendios de Tebaida

A Audiencia Provincial admite o recurso dos ecoloxistas e ordea continuar as dilixencias sobre a queima de 1.300 hectáreas de enorme valor natural e patrimonial na Tebaida berciana

PUBLICADA O

- Advertisement -

A pesar de que a denuncia inicial foi arquivada en marzo, o éxito do recurso das asociacións a prol do medio ambiente obriga ao Xulgado de Instrucción número 8 de Ponferrada a continuar a investigación sobre os incendios da Tebaida berciana de abril de 2017. A pescuda ten a súa cerna nunha familia de gandeiros que se beneficiou dos consecutivos lumes das lindes do Val do Silencio, paraxe de incalculable importancia ecolóxica, Ben de Interese Cultural, e que aspira a ser Patrimonio da Humanidade.

Este xiro é celebrado polos impulsores do recurso, Asociación Forestal de León e Bierzo Aire Limpio, coma un punto de inflexión contra a impunidade dos incenciarios. A Audiencia Provincial de León ordea levantar o sobresemento provisional –en contra do fiscal, que solicitara o arquivo– e continuar as dilixencias para esclarecer os feitos, acordando oportuno incluír na investigación o irmán do gandeiro de Bouzas que xa fora interrogado, pois os lumes coincidiron coa súa presenza no pobo.

A ampliación da actuación da brigada científica ten en conta os testemuños dos veciños da zona afectada polos incendios dos días 17 e 18 de abril de 2017. A Audiencia Provincial de León sinala que a declaración dos axentes de Medio Ambiente amosa que o principal beneficiario das lapas de Tebaida son as persoas con intereses gandeiros, coma xa amosara a asociación Tyto Alba na denuncia orixinal.

O lume estivo a piques de afectar a un dos núcleos de poboación da Tebaida berciana | La Cantina de Sara
O lume estivo a piques de afectar a un dos núcleos de poboación da Tebaida berciana | La Cantina de Sara

Malia que expresa prudencia, o escrito dos tres maxistrados incide en tres circunstancias: o val representa un recurso de pasto para a familia gandeira investigada, os incendios son constantes un ano tras outro, e sempre con orixe na mesma zona. A estes indicios engádese que o gandeiro investigado en primeiro lugar, identificado polas forzas da orde en maio de 2017, negouse a explicar o seu paradeiro; e aínda que o seu posicionamento móbil é inconcluínte, non descarta o emprego de redardadores do lume.

A importancia do desastre de Tebaida vai alén das 1.300 hectáreas arrasadas polos incendios provocados, que a piques estiveron de afectar a varios núcleos de poboación. Trátase dun lugar de alto valor ecolóxico, con bosque autóctono de carballos e piñeiros que tardará en volver a medrar. Do lado positivo, si o fixeron xa carqueixas e queiroas. E puido salvarse o importante patrimonio histórico da localidade berciana, zona de culto durante o medievo.

Esta importancia patrimonial está determinada pola existencia de despoboados vencellados á actividade clerical. A área de Tebaida inclúe o mosteiro de San Pedro de Montes e a Igrexa Peñalba de Santiago, amais de tres despoboados rexistrados, de entre os séculos X e XIII. E, coma se dun milagre se tratase, o lume e mailos traballos de limpeza revelaron quilómetros de muros de contención correspondentes a trinta parcelas de cultivo, seis camiños, tres fontes e dous edificios; un conxunto vencellado cos despoboados de Santa Eucheria e Santa María de Castrillo. 

ÚLTIMAS

Scania busca persoal para o taller que abrirá no Polígono das Gándaras

Scania chega ao Polígono As Gándaras, lugar no que poñerá en marcha un novo...

Cortes ata o 4 de decembro na calzada esquerda da A-6 sentido Madrid por melloras

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable continúa coa execución das obras de rehabilitación estrutural...

Falece un cazador de 55 anos en Cospeito tras ser picado por velutinas

Un home de 55 anos de idade que responde as iniciais J.I.P. faleceu a...

Atraco a punta de pistola na Caixa Rural de Cervantes

Un home armado cunha pistola atracou á primeira hora deste venres a sucursal do...