InicioMedioambiente e PatrimonioFriol, o "gran cemiterio megalítico de Galicia"

Friol, o “gran cemiterio megalítico de Galicia”

O colectivo Patrimonio dos Ancares deu con dúas novas mámoas na parroquia de Anxeriz, uns descubrimentos que se suman aos outros case 300 enterramentos catalogados neste concello.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O colectivo Patrimonio dos Ancares vén de anunciar a descuberta de dúas novas mámoas en Friol. Concretamente, sitúanse nos montes da aldea das Penelas, na parroquia de Anxeriz. Este achado súmase ás case 300 mámoas das que se teñen constancia, algo que fai deste concello un dos máis ricos de Galicia en canto a patrimonio megalítico.

Xabier Moure e Brais Rodríguez Romero foron os dous integrantes da asociación que deron coas mámoas. Segundo as súas observacións, estas teñen unhas medidas de 21 e 25 metros de diámetro, e 1,5 e 2 metros de altura respectivamente. Sobre unha medran carballos e un gran piñeiro; a outra está cuberta por fentos e xestas.

Ademais, do cráter central de violación da medorra de menor tamaño asoman tres esteos graníticos da cámara funeraria.  Segundo aseguran dende Patrimonio dos Ancares, “ámbolas dúas foron profanadas, tal como nolo amosan os conos de violación central”. A explicación diso quizais estea relacionada, din, co permiso real outorgado no ano 1609 ao fidalgo e crego do couto de Recimil de Parga, Vázquez de Orxas, para buscar tesouros. Iso ocasionou que os campesiños de por aquel entón destruíran miles de enterramentos ao longo de toda Galicia, explican.

INSCRIPCIÓN NUN CHANTO

Preto destes enterramentos localízase outra grande mámoa que xa documentaran en febreiro de 2018 os integrantes de Patrimonio dos Ancares. Así e todo, malia xa ter visto isto antes, non foi ata esta ocasión que se decataron de que sobre un dos chantos estaban gravados varios símbolos ondulados. Coidan que poden ser referencias á auga, como representación do devir da vida, ou á serpe, que tiña un significado positivo.

Todas estas descubertas, sumadas aos outros 300 enterramentos que xa foron catalogados nos últimos anos –moitos deles destruídos ou danados pola acción humana- converten a Friol no “concello de Galicia con máis patrimonio megalítico”.

ÚLTIMAS

Cachan a dous condutores de patinete eléctrico borrachos en Lugo, un deles superando o límite penal

A Policía Local de Lugo detectou ao longo da semana pasada a dous condutores de patinete eléctrico...

O Concello de Lugo modifica horarios de traballadores e instalará paneis especiais nas escolas infantís pola calor

O pleno ordinario de xuño do Concello de Lugo abriuse este luns coa intervención...

Lara Méndez, “tranquila” ante a situación de José Tomé nas primarias: “Cando detectamos un problema, dámoslle solución, non coma o PP”

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, dixo estar "tranquila" ante a situación do...

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia celébrase en Lugo por primeira vez como Ben de Interese Cultural

A cidade de Lugo acolle este domingo, 29 de xuño, unha nova edición da...