Uns 15.000 vehículos atravesan cada día Pedrafita desde o corte na A6

O alcalde considera que a solución adoptada polo Goberno central "está a funcionar" e que "de momento non houbo grandes atascos", pero asegura que poderán rexistrarse problemas a partir do 1 de agosto.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visita as medidas instaladas en Pedrafita. SUBELEGACIÓN DO GOBERNO EN LUGO

O alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luís Raposo, asegurou que entre 10.000 e 15.000 vehículos cruzan a localidade desde o corte da A-6 derivado do derrube hai máis dun mes do viaduto do Castro.

O rexedor estimou que atravesa o municipio “o triplo” de tráfico que antes do colapso da ponte. Así, sinalou que nos días “punta” se pode chegar aos 15.000 vehículos, mentres que nas xornadas normais circulan por Pedrafita uns 10.000.

A pesar deste elevado número de vehículos, o alcalde considerou que a solución adoptada polo Goberno central “está a funcionar” e que “de momento non houbo grandes atascos”. Con todo, recoñeceu que haberá que esperar ao 1 de agosto, que é cando a xente sae de vacacións, cando poderá rexistrarse “un problema”.

“A ver que solución nos dan e que sexa canto antes. Poida que haxa unha solución de meter un carril polo túnel, o que vai cara a Madrid”, concretou o rexedor.

En canto a esa solución que deslizaba o Secretario Xeral de Infraestruturas, Xavier Flores, de habilitar un desviou a partir de agosto, Raposo apelou a que esa solución “se pode facer rápido”. “Quitando tráfico dun carril, iso xa aliviaría un pouco o tema. Sería unha obra para acometer rapidamente, igual leva máis tempo conseguir a sinalización que a obra civil que se quere facer”, postulou.

Tras iso, afeou a proposta da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, de “pasar por outra rúa do pobo”, ao asegurar que “sería invadir esa rúa de seis metros de ancho” de forma que “quedaría ao servizo da estrada e quedaría cortada para o resto da poboación”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here