InicioMedioambiente e PatrimonioA cementeira Cosmos arrastra os gobernos castelán-leonés e galego

A cementeira Cosmos arrastra os gobernos castelán-leonés e galego

As frontes medioambientais da cementeira Cosmos implican á administración de Castela e León nun proceso xudicial, e a de Galicia podería ser a seguinte

PUBLICADA O

- Advertisement -

A pasividade dos gobernos autonómicos castelán-leonés e galego co negocio do cemento expón a estas administracións, baixo control do Partido Popular, á indagación xudicial. A Xunta de Galicia está a piques de esgotar o prazo legal para salvagardar a Cova de Eirós, ameazada pola canteira que abastece a Cosmos en Oural. E a falta de fiscalización dos episodios contaminantes da cementeira en Toural dos Vaos derivou nun pleito de Bierzo Aire Limpio, polo que terá que responder o conselleiro de Medio Ambiente de Castela e León.

Precisamente, a asociación ecoloxista berciana lanzou unha campaña de micromecenado para sufragar as accións xudiciais contra Cosmos e a Xunta de Castela e León, que inclúen outros asuntos sen resolver coma a instalación da planta de biomasa de Forestalia en Cubillos do Sil, que incinerará lodos e lixo, ou o lume forestal da Tebaida. O obxectivo é recadar 5.000 euros para compensar a ausencia de achegas públicas.

Bierzo Aire Limpio recibiu o apoio de cincuenta plataformas asinantes da Declaración de Ponferrada, o documento que uniu ao movemento estatal contra a incineración de pneumáticos e calquera clase de residuo para a produción de enerxía ou nas cementeiras. O movemento esixe non conceder máis permisos para incineración ou coincineración, que produce compostos químixos tóxicos, e desenvolver alternativas para os residuos, para que as cementeiras e centrais térmicas non sexan incineradoras de lixo encubertas.

Escape de xaneiro en Toural dos Vaos

As corporacións detrás dos procesos de incineración empregan o eufemismo valorización para facer pasar a queima de residuos por un aproveitamento sostible. O termo, adoptado polo goberno de Castela e León, supón un claro caso de greenwashing para un técnica contaminante e desfasada. As industrias reciben subvencións para afrontar os dereitos de emisión de gases contaminantes, axudas que serven para incinerar lixo que as administracións son incapaces de xestionar.

A queima de residuos emite componentes prexudiciais que, presentes no aire e acumulados no solo, afectan á calidade dos sectores que na actualidade representan a alternativa económica do Bierzo, a agricultura ecolóxica e o turismo. Ademais, as empresas responsables da incineración teñen políticas laborais baseadas na deslocalización e a precarización: Cosmos –filial da brasileira Votorantim– aplicou un ERE en Oural e Toural dos Vaos en 2013, cando conseguiu os permisos para a queima de pneumáticos no Bierzo.

A Declaración de Ponferrada instaba a solicitar estudos independentes sobre a calidade do aire, denuncias conxuntas pola incineración e o incumprimento dos plans de refugallos. O movemento acadou así mesmo máis de once mil sinaturas contra a planta de biomasa de Forestalia e a incineración de pneumáticos en Toural dos Vaos. Mais, antes de emprender o camiño da xustiza, Bierzo Aire Limpio reuniuse co conselleiro Juan Carlos Suárez-Quiñones, a quen plantexaron os efectos negativos sobre o medio ambiente e a economía na comarca.

Os representantes da ong trasladaron a inquedanza polas medicións en Toural dos Vaos, superiores ao límite marcado pola Organización Mundial da Saúde, e polos escapes de gases tóxicos na factoría de Cosmos, que levaron á Fiscalía de Medio Ambiente. Así as cousas, notificaron a necesidade de dotar á cementeira de mecanismos para evitar a emisión de metais pesados volátiles e semivolátiles e outros compostos.

Pero a xuntanza foi fútil, e a falta de resposta do executivo popular levou á denuncia presentada por Bierzo Aire Limpio a comezos de febreiro. Os ecoloxistas detectaron que as fugas repetíronse durante xaneiro, un descontrol que foi notificado no Xulgado de Instrución de Ponferrada. O pleito vai dirixido contra o conselleiro, a empresa e o director xeral responsable da calidade da aire, José Manuel Jiménez, por supostos delitos contra a saúde pública, ocultación de información, prevaricación e omisión do deber.

No momento de presentar a denuncia, explicaban os promotores da acción xudicial, non se realizara inspección algunha por parte da Consellería, como tampouco chegaran sancións polos episodios de descontrol, que foron motivo de debate nas Cortes. Así, interpretan que existe un “salvoconduto de impunidade” para a empresa, ademais de mostras evidentes de favoritismo por declaracións públicas e premios; todo, con procedementos administrativos polo medio, que inclúen concesións anuladas polo Tribunal Supremo.

Suárez-Quiñones limitouse a comentar que “os técnicos traballan con rigor”, e que malia respectar o dereito á vía xudicial, consideraba máis apropiado un procedemento administrativo.

O Bierzo, historia dun desastre ecolóxico

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...