O PSdeG de Baralla denuncia novamente a grave situación sanitaria que sofre o municipio debido á falta de persoal médico e á “absoluta pasividade” do goberno local do Partido Popular, que continúa inmóbil mentres o centro de saúde funciona por debaixo das ratos mínimas que corresponden ao concello.
Segundo explica o voceiro do PSdeG, Jaime González del Río, Baralla debería contar con tres facultativos, pero a maior parte dos días só hai un médico para atender a toda a veciñanza. Ademais, este profesional debe asumir simultaneamente as consultas de dúas prazas médicas, realizar saídas a domicilio, responder ás emerxencias e cubrir todas as necesidades asistenciais dun concello catalogado como de especial dificultade e cunha poboación maioritariamente envellecida.
A esta situación súmase que, en ocasións, o SERGAS non cobre as baixas ou faino enviando un médico durante só catro horas ao día, cun contrato que non inclúe nin atención domiciliaria nin resposta a emerxencias. Isto, advirten, agrava aínda máis a precariedade asistencial e deixa á veciñanza nunha situación de evidente desprotección.
“Farolas e muros non curan a ninguén”
Dende o PSdeG consideran que esta situación é consecuencia directa da política sanitaria do Partido Popular na Xunta de Galicia, á que acusan de continuar desmantelando a atención primaria no rural mentres ignora a falta de profesionais nos concellos máis dispersos e envellecidos.
Neste sentido, a formación pregúntase “cando se darán conta os veciños de que, por moitos muros ou farolas que aparezan por arte de maxia nas súas casas, sen sanidade nin servizos esenciais o pobo morre”.
“A prioridade dun goberno responsable debe ser garantir unha atención sanitaria digna para a veciñanza, e non intentar maquillar a realidade con actuacións superficiais mentres se deterioran servizos básicos”, engaden.
Un alcalde que non defende os intereses de Baralla
O PSdeG considera que o alcalde está a actuar coa sanidade do mesmo xeito que co proxecto das liñas de alta tensión que pretendían atravesar Constantin: “non fixo nada”. Lembran que naquela ocasión afirmou descoñecer o proxecto e posteriormente contradicíase asegurando que levaba anos negociando coas empresas.
“Estamos seguros de que agora, cando di que está ‘traballando’ para mellorar a situación sanitaria, é a mesma forma de ‘traballar’ coa que ocultou á veciñanza a instalación das liñas de alta tensión”, sinalan.
Dende a formación apuntan tamén á responsabilidade da xerencia sanitaria, á que acusan de demostrar un profundo descoñecemento da realidade da comarca e das necesidades dun concello rural como Baralla. Advirten de que, con responsables que non saben cal é a situación real do territorio, é imposible que o servizo funcione correctamente, e lamentan que, en lugar de defender a sanidade pública no rural, “pareza que algúns están máis preocupados por facer méritos para seguir escalando nas listas do Partido Popular”.
Ante esta situación, o PSdeG esixe ao SERGAS e ao goberno local do PP que asuman as súas responsabilidades e garantan de inmediato a cobertura das tres prazas médicas que corresponden ao concello; a presenza de profesionais con contratos completos que inclúan atención domiciliaria e resposta a emerxencias; e un compromiso real coa sanidade pública nun municipio que, pola súa dispersión e envellecemento, precisa unha atención reforzada.
“Baralla non pode seguir abandonada mentres o PP continúa mirando cara a outro lado. A saúde da veciñanza debe estar por riba de calquera interese partidista”, conclúen.
