InicioCulturaA Diocese de Lugo abrirá este verán igrexas e capelas do Camiño

A Diocese de Lugo abrirá este verán igrexas e capelas do Camiño

Os templos do Camiño Francés, do Camiño Primitivo e da Vía da Prata abrirán as súas portas aos peregrinos para espallar o patrimonio histórico

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os peregrinos que cheguen a Galicia este verán atoparán o patrimonio do país máis accesible ca nunca. O acordo entre Turismo de Galicia, a Diocese de Lugo e a Arquidiocese de Santiago de Compostela permitirá abrir os templos ao longo do Camiño no período estival, o intre de maior afluencia. Os lugares incluídos no programa contarán cun amplio horario de visitas durante toda a semana e persoal para transmitir a súa importancia.

A iniciativa foi presentada este martes pola directora de Turismo, Nava Castro, xunto ao bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco. A apertura das igrexas e as capelas das rutas xacobeas supón achegar un rico e variado patrimonio cultural a un público eminentemente internacional. Os peregrinos e outros visitantes poderán acceder aos edificios durante toda a semana, cun único día de descanso, e terán a guía de persoal para poder coñecer a historia de cada lugar.

A presentación, desenvolvida en Melide, serviu para comentar o folleto editado para este programa, coa información dos espazos integrados. Sobre a colaboración coas entidades eclesiásticas, Castro afirmou que trátase de “compartir o noso patrimonio e a nosa identidade, pois é o mellor xeito de preservalo e enriquecelo”. No caso da Diocese de Lugo, poderá accederse ás igrexas e capelas do Camiño Francés, do Camiño Primitivo e da Vía da Prata.

Trátase de espazos localizados tanto na provincia de Lugo como na de Coruña e Pontevedra, en concellos incluídos no bispado lucense. A todos eles cómpre engadir os templos da Arquidiocese de Santiago de Compostela no Camiño Francés, no Camiño Portugués e no Camiño Inglés, amais de na capital de Galicia, meta da peregrinación.

A Xunta vén de realizar un estudo coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o impacto da ruta en diferentes eidos, entre eles o cultural. Neste senso, a directora de Turismo subliñou que  un dos aspectos máis valorados polos residentes dos concellos polos que discorre o Camiño de Santiago é a súa contribución á restauración e á mellora do patrimonio cultural e a oportunidade para coñecer outras culturas.

“Con este acordo de colaboración entre a Xunta e a Diocese de Lugo, estamos a reforzar esta percepción”, declarou Castro. Non é casual que este acordo teña por marco o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e o 25.º aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial. “Son contextos propicios para seguir traballando a prol do gran tesouro que gardan os itinerarios xacobeos”, rematou a responsable de Turismo.

No que vai de ano recolleron a súa Compostela, que acredita a culminación da ruta, máis de 138.000 persoas, o 61 por cento estranxeiros, procedentes de 160 países. O volume de camiñantes, que adoita ser maior na tempada estival, está a ser este ano un 9,5 por cento superior ao ano anterior. A coordinación dos proxectos de colaboración coas entidades eclesiásticas enmárcase no Plan Director do Camiño de Santiago, co que a Xunta está a traballar dende 2015 cun orzamento de 56 millóns de euros.

 

Templos participantes

O programa para a Diocese de Lugo abrangue as igrexas de Santa María de O Cebreiro, Santiago de Triacastela, o punto de información do Mosteiro de Samos, O Salvador de Sarria, San Nicolás de Portomarín, O Salvador de Vilar de Donas, San Tirso de Palas de Rei, San Xoán de Furelos, San Pedro de Melide, Santiago de Boente, Santa María de Fonsagrada, Santa María de Vilabade, a Catedral de Lugo, incluída na declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte, Santiago de Taboada, en Silleda, e Santa María de Dozón.

Pola súa banda, na Arquidiocese de Santiago de Compostela inclúense os templos de A Peregrina en Pontevedra, a Capela de San Marcos no Parque Monte do Gozo, a Capela Xeral de Ánimas, San Bieito, Santa María do Camiño, San Andrés de Barciela, o Mosteiro das Beneditinas, a Colexiata de Iria Flavia, a Capela da Madalena, Capela de Francos, Santo Domingo de Betanzos, Santa María de Betanzos e Santiago de Betanzos.

Dende o goberno galego agardan que o programa sirva de potenciación de todas as rutas de peregrinación, axuando á preservación e difusión dos seus valores patrimoniais.

 

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...