InicioPolíticaVox é terceira forza en 22 concellos do centro da provincia, onde...

Vox é terceira forza en 22 concellos do centro da provincia, onde PP e PSOE manteñen a súa hexemonía

Os populares aumentan distancia cos socialistas, que perderon apoios dende abril, igual ca Galicia en Común-Unidas Podemos. A extrema dereita asina un preocupante ascenso pero, aínda así, a formación que máis medrou en número de votos foi o BNG. Pola contra, materializouse a desfeita de Ciudadanos, que deixou máis de 12.000 votos polo camiño.

PUBLICADA O

- Advertisement -

As eleccións xerais deste 10 de novembro ratificaron a hexemonía do PP e PSOE en Lugo. O reparto de escanos non deixou ningunha sorpresa na provincia, onde populares e socialistas volveron obter cadanseus dous deputados. O Partido Popular repetiu como forza máis votada e aumentou distancias co PSOE, que perdeu apoios dende os comicios de abril. Os datos máis rechamantes corresponden ao baile de electorado dos partidos que quedaron sen representación: baixan os votos para Galicia en Común-Unidas Podemos; o BNG sobe; Ciudadanos colleita unha desfeita acorde ao acontecido no resto do Estado; e os ultradereitistas Vox medran ata o punto de converterse na terceira forza política en boa parte dos concellos da provincia.

O mapa político lucense adquire un azul máis intenso en comparación cos resultados saídos do 28-A. Nas comarcas do Lugo central —comarca de Lugo, Terra Chá, A Ulloa, Os Ancares e Montaña—, os populares impóñense e mesmo recuperan Rábade, cuxa maioría perderan nas pasadas eleccións. Estiveron especialmente fortes en Friol, por exemplo, onde sacaron o 62% das papeletas, en Guntín (57’3%) ou en Palas de Rei (53’3%).

Os municipios que se mantiveron fieis ao PSOE foron Navia de Suarna (41%), Cervantes (45,2%), A Fonsagrada (46’4%), Ribeira de Piquín (51’8%), A Pontenova (41’3%), Pol (37’2%) e Castroverde (38%). Tamén gañaron os socialistas en Lugo capital (32’9%), aínda que o fixeron pola mínima: tan só 21 votos máis ca o PP.

Así pois, PP e PSOE ‘repartiron a torta’ entre eles. A listaxe máis próxima a arrebatarlles un deses escanos foi Galicia en Común-Unidas Podemos, pero quedaron a máis de 12.000 votos de conseguilo. A candidatura liderada por Vanessa Somoza acadou un 9’17% dos votos totais na provincia —en abril subira do 10%—, fronte ao 31’93% e 38’13% de socialistas e populares, respectivamente.

VOX, TERCEIRA FORZA EN MOITOS CONCELLOS

Aínda que lonxe de obter representación, os votos de Vox medraron coma a escuma tamén en Lugo. A formación de extrema dereita foi a cuarta forza con máis apoio na provincia —8’12%, que se corresponde con 14.475 votos— e escalou ata a terceira posición en boa parte dos concellos. Becerréa, co 13’42%, foi o municipio onde os ultradereitistas obtiveron o seu mellor resultado.

Concretamente, Vox foi o terceiro partido máis apoiado en 22 dos 32 concellos incluídos nas comarcas antes citadas. Sería o caso de Baleira, As Nogais, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei, Portomarín, Rábade, Antas de Ulla, Meira, Ribeira de Piquín, Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e Vilalba.  Pola contra, o concello onde menos porcentaxe de voto conseguiron foi A Fonsagrada (4’34%):  alí, a extrema dereita foi relegada ao quinto posto, aínda que tan só con dúas papeletas menos ca o partido que está na cuarta posición (Galicia en Común-Unidas Podemos).

O BNG MEDRA; C’S PRECIPÍTASE

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego foi o partido que máis aumentou o número de votantes na provincia: case 3.200. Pasaron do 4’83% do apoio ao 7’21%, aínda que seguen no quinto posto, por detrás de Galicia en Común-Unidas Podemos e de Vox. Nas comarcas de Lugo central, o BNG foi terceira forza na Fonsagrada, en Pol, A Pastoriza, Muras e Xermade.

Situación ben distinta se atoparon os representantes de Ciudadanos. A caída en picado que sufriu a formación laranxa a nivel estatal tamén se deixou notar na provincia de Lugo, onde perderon máis de 12.000 votos respecto dos comicios xerais do 28-A. De terceira ou cuarta forza en boa parte dos concellos, pasaron a ser a sexta, cunha porcentaxe practicamente irrelevante.

ANÁLISE DOS RESULTADOS NA MARIÑA E NO SUR DA PROVINCIA

Esta tendencia de voto esténdese tamén ás comarcas da Mariña e do sur da provincia de Lugo. Na costa, o PP gañou en 11 dos 16 municipios.  Alí, a suba de Vox notouse menos ca nas comarcas do centro ou ca no sur lucense, onde tamén foron terceira forza nunha ducia de concellos.

ÚLTIMAS

O PP de Lugo acusa ó goberno local de “improvisación” e “falta de xestión” na regularización de terrazas

O PP de Lugo acusou este sábado ao goberno local de "improvisación" e "falta...

Falece un home de 62 anos tras chocar o seu vehículo contra unha árbore en Abadín

Un home de 62 anos faleceu á primeira hora deste sábado nun accidente de...

Un condutor borracho e drogado foxe tras ter un accidente e choca contra seis coches aparcados na rúa das Fontes

Un condutor ebrio foi interceptado pola Policía Local tras fuxir dun accidente e chocar contra seis...

O PP pide ao Goberno que “amplíe prazos e orzamentos” para a rehabilitación dos barrios da Milagrosa e Feijóo con fondos europeos

A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e a deputada lucense no...