Tiña 99 anos e unha vitalidade a proba de bombas. Este 15 de abril morría en Bos Aires Darío Rivas, un dos grandes loitadores antifranquistas da provincia de Lugo.
De feito, Rivas estableceuse en Arxentina logo do acontecido en España pola barbarie franquista que tamén asasinou ao seu pai, Severino Rivas, alcalde de Castro de Rei. Tal foi a súa insistencia en que se fixera xustiza que en 2010 presentou nun xulgado de Arxentina a primeira querela para que se investigase ao franquismo por delitos de lesa humanidade.
E esta insistencia deu os seus froitos. Severino Rivas foi a primeira vítima do franquismo exhumada en Galicia. A Federacion de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA) lamentou profundamente o seu falecelemento. “Obtivo en vida o que buscou, atopar ao seu pai, pero foi a por máis e acompañou ao resto dos querelantes. Era o faro e exemplo de todos, é o que nos seguirá mobilizando en busca de xustiza”, apunta esta entidade nun comunicado.
A súa denuncia na Arxentina, xunto ao de Inés García Folgado, deu pé ao histórico proceso xudicial iniciado en Arxentina o 14 de abril de 2010, que denunciaba criminalmente ao Estado español polos delitos de xenocidio e lesa humanidade cometidos polo franquismo entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977.
COMPROMISO ANTIFRANQUISTA
Darío Rivas foi un home comprometido tamén coa memoria do exilio galaico, colaborando constantemente co Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA) Francisco ‘Paco’ Lores e doando bibliografía, obxectos persoais, instrumentos musicais e mesmo unha peza de cerámica de Sargadelos deseñada por Luís Seoane.
De feito, a FAGRA homenaxeou en vida a este loitador incansable, sempre disposto a cooperar con quen padeceron os atropelos dunha ditadura que el sufriu en carne propia. O 14 de abril de 2014 fixo entrega a Rivas Cando dunha placa homenaxe “pola súa inclaudicable loita contra o franquismo”. “O home que derrotou á ditadura franquista”, rezaba precisamente o texto gravado nesta distinción que o dirixente recibiu emocionado nun multitudinario acto no Teatro Bambalinas.
“O de España non se pode comprender, que demorase tantos anos en axuizar aos crimes da guerra”, dixo o activista naquela ocasión, remarcando que “en España se segue gobernando coas leis de Franco e o goberno segue baixo unha monarquía, esclavizando ao pobo como ocorre desde tempos inmemoriais”.