A Policía Nacional levou a cabo na mañá deste mércores desaloxos en colexios galegos por falsas ameazas de bomba, que, segundo fontes consultadas, foron recibidas de forma practicamente simultánea a través do correo electrónico das direccións dos centros.
Aínda que a alarma saltou primeiro na cidade da Coruña, onde a incidencia destas falsas ameazas foi alta, a Xefatura Superior de Policía confirmou que ten constancia delas noutros puntos do territorio, como Lugo. Segundo as fontes consultadas, o modo de proceder é semellante ao que aconteceu hai uns días en Italia. Os centros educativos recibiron un correo electrónico con esta ameaza de bomba e, a continuación, as mesmas direccións dos centros puxéronse en contacto coa Policía Nacional.
Ante isto, os axentes activaron o protocolo habitual nestes casos, que pasa por desaloxar os centros para facer unha revisión das estancias e das aulas. Polo momento, a Policía non pode cuantificar o alcance do sucedido, dado que varios dos desaloxos seguen en marcha.
