InicioPolíticaCiudadanos pecha a porta a Martínez: "Comportamentos coma o seu nunca terían...

Ciudadanos pecha a porta a Martínez: “Comportamentos coma o seu nunca terían cabida” no partido

A voceira do partido laranxa nega contactos co deputado Manuel Martínez, e asegura que nunca tería cabida na formación porque "no ADN de Ciudadanos está acabar co clientelismo e as prácticas corruptas propias da vella política"

PUBLICADA O

- Advertisement -

Horas despois de que Manuel Martínez recoñecera conversas con Ciudadanos, este partido desmentiu categoricamente que houbera “contacto algún” co deputado díscolo e deixou claro que “comportamentos coma o seu nunca terían cabida nun partido coma Ciudadanos”. A voceira autonómica, Olga Louzao, dixo que “no ADN de Ciudadanos está acabar co clientelismo e as prácticas corruptas propias da vella política” e afirmou que “a idea que Ciudadanos ten do que é a actividade política e a xestión pública nas institucións desde logo non ten nada que ver co que leva acontecido neste mandato na Deputación Provincial de Lugo”.

Louzao avanzou que a formación presentará listas en moitos concellos da provincia nas vindeiras eleccións, pero serán “candidaturas exemplares, alonxadas deste tipo de prácticas”. Así, subliñou que o partido laranxa –ao que definiu coma transversal– está “nun momento de expansión” e implantación en Galicia, polo que nel “teñen cabida todas as persoas que queiran mellorar a vida do seu municipio”. Aliás, pechou as portas ao deputado non adscrito con contundencia: “En Ciudadanos nunca tería cabida Manuel Martínez”.

Para a voceira de Ciudadanos, “a situación vivida na Deputación de Lugo neste mandato é esperpéntica e inaceptable” e lembrou que “Ciudadanos avoga pola desaparición das Deputacións dentro dunha nova arquitectura administrativa do Estado”. Olga Louzao culpou do “caos e descrédito da Deputación de Lugo” a todos os partidos con representación no ente provincial e dixo que “o PP e o PSOE son corresponsables do que está a suceder por usar a institución en beneficio propio e antepoñer intereses persoais aos dos cidadáns da provincia de Lugo”. “Seguramente moitas persoas que votaron ao PP e ao PSOE nas pasadas eleccións se terán arrepentido de terlles dado o seu voto á vista de para que o usaron nestes últimos tres anos”, razoou Louzao.

Por iso, dixo,”cada vez son máis as persoas na provincia de Lugo que ven en Ciudadanos unha alternativa diferente e na que se pode confiar”. Na súa opinión, “o feito de que partidos como o PP ou o PSOE centren todos os seus esforzos ultimamente en atacar a Ciudadanos é un sinal inequívoco da súa preocupación”. “Está claro que o PP e o PSOE ven a Ciudadanos como unha ameaza aos seus intereses na provincia de Lugo”.

+ posts

ÚLTIMAS

A moción de Lugo incendia o Parlamento entre acusacións de “compra de vontades”, transfuguismo e “hipocrisía”

A moción de censura de Lugo volveu este martes ao centro do debate político...

Morre un mozo despois de caerlle encima unha tubaxe de 500 quilos

Un mozo faleceu este mércores no municipio lucense de Vilalba tras caerlle encima un...

Pontón aplaude o traballo do BNG no Concello de Lugo e advirte: “Lugo non perdoará aos traidores”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu o labor do tenente de alcalde...