InicioLugo e contornaBesteiro critica os "millóns dilapidados" por Feijóo en Lugo en "proxectos fracasados",...

Besteiro critica os “millóns dilapidados” por Feijóo en Lugo en “proxectos fracasados”, como o de Rozas

Apela a concentrar o voto progresista na provincia para conseguir o segundo deputado por Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a historia recente da provincia de Lugo “contradí totalmente” a “fama de bo xestor” do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, porque nela se fixeron “investimentos millonarios, millóns dilapidados que terminaron en proxectos industriais fracasados”.

Besteiro fixo estas declaracións aos medios no Pazo de Feiras e Congresos no primeiro día de campaña para as eleccións xerais do 29 de novembro, acompañado pola cabeza de lista socialista ao Congreso, Patricia Otero, polo número uno ao Senado, César Mogo, e polo concelleiro de Lugo e número dous ao Congreso, Jorge Burgos.

Os socialistas escolleron este espazo porque alí está instalada a aceleradora do polo aeroespacial que, segundo lembrou Besteiro, ía trasladarse fai oito anos ao barrio da Residencia para dinamizalo e que, pasado ese tempo, “segue aquí”. “O peor é que non hai compromiso de que as empresas se manteñan, teñan a súa sede aquí en Lugo e xeren emprego aquí en Lugo“, lamentou Besteiro que estendeu a responsabilidade ao número uno do PP pola provincia, Francisco Conde, por ser quen dirixía a política industrial da Xunta naqueles anos.

O dirixente socialista referiuse despois ao proxecto de Rozas para asegurar que en 2016 anunciouse que o aeródromo ía converter Lugo na rexión máis dinámica na creación de avións non tripulados, cun investimento de 150 millóns de euros e 600 empregos, “e todo iso quedou en nada”.

Tras iso, continuou sinalando que en 2022 Conde presentou novos socios e que, con Airbus diante, prometeu máis de 280 millóns e 400 empregos ata 2026. “Airbus se replegó hai dous anos e eses empregos aínda non os atopou ninguén”, ironizou Besteiro, que deixou claro que el cre en Rozas e que no aeródromo ten futuro en boa parte porque o Estado apostou por el con INTA”. Ademais, reprochou á Xunta que prometese industria e emprego para Lugo, que é “xusto o que non chegou”.

Á lista sumou o plan Impulsa Lugo, que ía ser “unha verdadeira revolución industrial” para a Galicia interior e do que convidou a lembrar “algún tipo de iniciativa industrial”. Ademais, referiuse a a “macrocelulosa de Altri” que, conforme indicou, o Goberno socialista “paralizou porque carecía de viabilidade económica, ambiental e social”. “Iso vai formar parte tamén do currículo de Alberto Núñez Feijóo e do Partido Popular, millóns dilapidados e proxectos fracasos e errados”, resumiu.

CRÍTICAS Á XUNTA

No acto, Jorge Bustos defendeu que “Lugo merece outra xestión, unha xestión que aposte pola cidade”, e sostivo que os grandes avances chegaron sempre da man do PSOE. César Mogo cualificou de “carcasa” a política industrial da Xunta, unha materia que lembrou que é competencia exclusiva da comunidade autónoma. “Non é unha política industrial, é unha política de facer que fan”, dixo sobre o balance do que chamou “o duo Feijóo-Conde”.

Fronte a iso, cifrou entre 300 e 340 millóns de euros as axudas que o Goberno central destinou á provincia de Lugo neste tempo, a última delas o Kit Dixital, aproveitando os fondos europeos e do Estado. “Fronte a unha inacción e un disimulo permanente da Xunta, o Goberno inviste, e quizais non o diga tan alto porque o que interesa son políticas eficaces e non carcasas”, engadiu.

Patricia Otero ligou o emprego industrial coa posibilidade de que a mocidade quede na provincia con traballos de calidade, e atribuíu os bos datos de afiliación e a baixada do paro á reforma laboral do Goberno de España, unha reforma que, lembrou, o BNG non apoia.

Por iso, chamou a “aglutinar o voto progresista” ao redor do PSdeG. Segundo as súas contas, os socialistas necesitan un 5% máis dos votos que tiveron en 2023 para lograr o segundo deputado por Lugo, mentres que a outra forza progresista tería que duplicar os seus para entrar no Congreso. “Estamos moi próximos a que Jorge estea no Congreso dos Deputados”, afirmou para apelar abertamente ao voto útil.

Preguntada polas expectativas coas que os socialistas inician a campaña, Otero respondeu que saen “a gañar” e que Lugo vai ser decisiva para que Pedro Sánchez siga sendo presidente e para seguir subindo as pensións e o salario mínimo interprofesional.

“PP E VOX DETRÁS DE CADA CONQUISTA DO BENESTAR SÓ VEN NEGOCIO”

Ademais, Besteiro dixo que os socialistas se senten “animados” pola rúa que hai dous días reclamaba salarios dignos e que non miran para outro lado co problema da vivenda, do que responsabilizou ao PP “non soamente polo que non fixo, senón polo que impediu que se puidese facer”, en alusión ás trabas postas á Lei de vivenda e aos decretos contra os desafiuzamentos mentres seguía sen construír vivenda pública.

Ademais, referiuse a as pensións. “A dereita e a ultradereita, detrás de cada conquista do benestar, soamente ven negocio”, sostivo para citar a educación pública e o sistema de pensións como exemplos do que queren desmantelar, igual que a vivenda pública, na que a dereita só ve ocasión de especular.

Así as cousas, pediu concentrar o voto en provincias como Lugo e Ourense, onde lembrou que cada deputado serve para construír un goberno máis forte, e ir ás urnas “con emoción, con ambición, pero tamén con cabeza”. “Todo o mundo vai lembrar onde estaba o 29 de novembro e que votou”, advertiu.

ENQUISA DO CIS

Por último, sobre a enquisa preelectoral do CIS, considerado que recolle o reforzo das posicións progresistas e que o Partido Socialista vai gañar as eleccións, aínda que matizou que “as enquisas, enquisas son” e que o traballo deste quince días consiste en que esa vitoria permita gobernar e frear a involución coa que ameazan a dereita e a ultradereita.

+ posts

ÚLTIMAS

Un xulgado de Lugo exime preventivamente a un otorrino de 60 anos de facer gardas médicas por razón da súa idade

O xulgado de instancia de Lugo, praza 1 da sección do contencioso-administrativo, acordou eximir...

XXIII Xornadas Técnicas de Seragro

A inauguración oficial das XXIII Xornadas Técnicas de Seragro tivo lugar este xoves 12...

Folga: “Satisfación” dos sindicatos en Lugo, a pesar da “presión policial” e “servizos mínimos abusivos”

Os sindicatos amosáronse este mércores "satisfeitos" co seguimento da folga xeral na provincia de...

Folga: A CIG denuncia unha”desproporcionada” actuación policial en Lugo

A CIG denuncia unha "actuación desproporcionada" tanto da Policía Nacional como da Policía Local...