Un home foi denunciado en Lugo por golpear un desfribilidador situado na praza de Augas Férreas, negarse a ser identificado e faltar ao respecto aos axentes da Policía local. Tal e como informou o Concello de Lugo, os feitos ocorreron ás 4.15 horas do sábado, cando a sala do 092 recibe información sobre un individuo golpeando o desfibrilador situado na Praza de Augas Férreas.
Ata o punto desprazouse un indicativo do Grupo Operativo Nocturno, que puideron comprobar que o poste onde se sitúa o aparello sufrira danos, quedando descuberto e sen protección. Por este motivo, foi retirado do lugar para poder ser reposto polo servizo correspondente.
Os axentes foron informados por unha testemuña da descrición do presunto autor dos danos, que finalmente foi localizado nas inmediacións, sendo trasladado a dependencias policiais para ser identificado e para a tramitación das dilixencias correspondentes. Segundo precisaron, foi denunciado por senllas infraccións á Lei de Protección de Seguridade Cidadá, xa que se negou a identificarse ante os axentes e tamén lles faltou ao respecto.
