O Partido Popular de Lugo presentou este venres aos homes e mulleres que integran as súas candidaturas ao Congreso e ao Senado para as eleccións xerais do próximo 29 de novembro. O acto, celebrado na Praza Maior de Lugo, contou coa participación da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; a presidenta provincial do partido, Elena Candia; e a cabeza de lista ao Congreso, Francisco Conde.
A presentación serviu para dar a coñecer un equipo que, segundo os seus responsables, “combina experiencia e novas incorporacións, con representantes de distintos sectores e municipios da provincia”. O obxectivo que trasladaron durante as súas intervencións é “situar a Lugo no centro da campaña e recoller as principais demandas do territorio para incorporalas á alternativa política que o PP expón para o Goberno de España”.
O exconselleiro Francisco Conde, que lidera a candidatura para o Congreso, asegurou asume o reto electoral “con moita responsabilidade, con moita humildade e con moita ambición”. O número uno afirmou que son “plenamente conscientes” da situación que atravesan España, Galicia e a provincia de Lugo, e que a convocatoria electoral representa unha oportunidade para “reivindicar as capacidades do territorio”.
Neste sentido, sinalou que Lugo ten potencial en ámbitos como a industria, a enerxía e o sector primario, ademais de afrontar importantes desafíos relacionados co reto demográfico. Conde considera que a provincia debe aproveitar esta oportunidade para avanzar na creación de emprego e ofrecer novas posibilidades tanto aos mozos como ás persoas maiores.
O candidato popular explicou que a campaña se desenvolverá “pegados ao territorio”, escoitando aos lucenses, “con moita humildade e con moita ambición” para coñecer as súas prioridades e trasladarlles as propostas do Partido Popular. Tamén situou a Alberto Núñez Feijóo como referente da alternativa que defende a súa formación para transmitir “confianza, cambio e futuro”.
Conde vinculou ese proxecto á necesidade de que Lugo teña protagonismo no futuro de España e nun posible novo Goberno presidido por Feijóo. “España, Galicia e Lugo necesitan un cambio que permita superar a situación política actual”, concluíu.
“OS MESMOS CANS CON DISTINTO COLAR”
Na súa intervención, Paula Prado destacou o perfil dos principais integrantes da candidatura e aproveitou para lanzar unha dura crítica á xestión do PSOE e volveu a dicir sobre os membros do BNG que “son os mesmos cans pero con distinto colar”.
No seu balance da candidatura para o Congreso, encabezada por Francisco Conde, Prado definiuno como unha persoa cun importante perfil técnico e con experiencia na xestión pública, destacando a súa traxectoria na Xunta de Galicia e o seu labor actual “en defensa dos intereses de Galicia e Lugo na Cámara Baixa”.
En canto ao Senado, definiu a José Manuel Barreiro como unha persoa implicada coa provincia e coa defensa dos intereses galegos. Tamén mencionou a Cristina Abades, que desenvolveu ese labor durante a presente lexislatura, e a Lola Castro, alcaldesa de Ou Courel, de quen destacou o seu papel como representante do medio rural.
Prado afirmou que as listas reúnen a homes e mulleres con capacidades e perfís diferentes, pero co obxectivo común de defender os intereses da provincia. Así mesmo, lembrou que o PP de Lugo obtivo nas eleccións de xullo de 2023 o mellor resultado de España para a súa formación e confía en que a candidatura volva conseguir un respaldo destacado nesta convocatoria.
A secretaria xeral do PPdeG enmarcou as eleccións na necesidade dun cambio político en España e sinalou a Alberto Núñez Feijóo como a persoa que debe lideralo, “para saír esta parálise”. Sobre a situación do Goberno central criticou que “España necesita un Executivo que goberne para todos, incluídos os galegos e os lucenses”.
Entre as principais reivindicacións para a provincia, mencionou as carencias en infraestruturas e a “desconexión” que, segundo sinalou, afectan tanto a Lugo como ao conxunto de Galicia.
Durante a súa intervención, Prado tamén criticou as actuacións violentas que “se producen nalgunhas mobilizacións”, con referencias á “queima de colectores e ás agresións a comerciantes e xornalistas”. Fronte a iso, definíronse como representantes dunha España “centrada no traballo e na recuperación da actividade política e institucional”.
A dirixente popular situou entre os obxectivos do seu partido impedir que o PSOE continúe gobernando España e limitar tamén a influencia do Bloque Nacionalista Galego no Executivo central. Neste sentido, responsabilizou ao BNG de facilitar a chegada de Pedro Sánchez á Presidencia do Goberno e que “votar á formación nacionalista equivale a votar ao Partido Socialista”.
Pola súa banda, a presidenta provincial do PP, Elena Candia, definiu a candidatura como un grupo representativo, integrado por persoas que se incorporan por primeira vez a unha lista electoral e outras que contan con experiencia política, destacando a presenza de perfís procedentes de distintos sectores e municipios, que “coñecen as necesidades dos concellos, as demandas dos sectores produtivos e as carencias en materia de infraestruturas”.
A presidenta provincial pediu aos integrantes das listas que traballen por Lugo porque “esta provincia sufriu as consecuencias da falta de xestión e de orzamentos, así como dos compromisos incumpridos”.
