O Consello da Xunta autorizou a licitación do contrato de execución das obras para a construción de 50 aloxamentos compartidos destinados a menores de 36 anos na rúa Illa Coelleira, número 1, no concello de Lugo. O importe de licitación do contrato ascende a 5.911.598,16 euros. O proxecto foi redactado polos arquitectos Jesús Quiroga López, Antonio Rodríguez Moscoso e Sara Fernández Rivera, integrantes da UTE Satoki Aplugo, e foi adxudicado por 246.840 euros.
Cada un dos aloxamentos contará con vestíbulo, sala de estar-comedor-cociña, dormitorio e baño, cunha superficie útil media de 45,55 metros cadrados. A Xunta precisou que estes inmobles reciben a cualificación de “aloxamentos compartidos” non porque cada vivenda vaia ser ocupada por varias persoas, senón porque contarán con espazos comúns de uso compartido entre todos os adxudicatarios, como, por exemplo, unha lavandaría en cada planta. Unha vez rematada a construción, a xestión dos aloxamentos corresponderá á Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
NOVA SENDA PEONIL EN PONTECESO
Noutra orde de asuntos, a Xunta aprobou tamén o proxecto de trazado para executar unha nova senda peonil na estrada AC-424, en Corme, no concello de Ponteceso, cun investimento previsto de 565.000 euros. O novo itinerario conectará coas beirarrúas xa existentes en Corme Porto e permitirá unir Corme Aldea con Corme Porto, núcleo urbano de referencia para a prestación de servizos. A aprobación do proxecto leva aparellada tamén a declaración de utilidade pública dos 22 predios necesarios para executar as obras.
