Home Lugo e contorna Lugo O Goberno pronunciarase acerca da caza con arco do xabaril no Senado

O Goberno pronunciarase acerca da caza con arco do xabaril no Senado

0
O Goberno pronunciarase acerca da caza con arco do xabaril no Senado
EU eleva ao Senado a caza con arco do xabaril | Tim Donovan - https://www.flickr.com/photos/myfwcmedia/37302770356/in/photostream/

A senadora Vanessa Angustia dirixiuse ao Goberno para alertar das consecuencias que pode ter a caza con arco do xabaril, medida acordada pola Xunta de Galicia na comisión da que tamén participa o Concello de Lugo para abater exemplares na zona periurbana. A representante de En Marea eleva así a cuestión da agrupación de Esquerda Unida en Lugo, que pide a elaboración dun novo protocolo que evite sufrimento innecesario, a elaborar canda as entidades a prol da fauna.

Angustia, membro da Asociación Parlamentaria en Defensa de los Derechos de los Animales (APDDA), asegura que o conflicto pola presencia do porco bravo está “sobredimensionado”, xerando “unha falsa alarma sobre a perigosidade da presenza dos animais, alegando prexuízos para a saúde animal e humana para xustificar as batidas”. Dende EU trasladan que o método escollido é cruel, porque os xabarís poden quedar feridos no pulmón ou na zona abdominal, o que conleva asfixia e agonía.

Libera e Fundación Franz Weber censuran que a conselleira Ángeles Vázquez “xogue co medo social” e “desinforme” cando argumenta que as medidas de control débense á posible expansión de enfermidades coma a peste porcina, a brucelose e a tuberculose. “Xa existe un Plan Nacional de vixilancia epidemiolóxica específico”, explican os colectivos animalistas, que lembran que o caso máis próximo produciuse en Bélxica, “a máis de 850 quilómetros da fronteira española”.

A ausencia dos animalistas na comisión que decidiu apostar pola caza con arco é outro dos aspectos nos que coinciden os impulsores da pregunta no Senado. A Xunta defende a validez do método porque contou con sindicatos agrarios, cazadores, corpos de seguridade e expertos do eido universitario. Porén, EU esixe medidas alternativas consensuadas coa Plataforma Pola Convivencia Ética Coa Fauna Silvestre (Con Ética).

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here