O Concello de Lugo está a realizar unha actuación con carácter de emerxencia nun edificio situado na rúa Catedral, na contorna da Praciña da Universidade, para retirar elementos que presentan risco de desprendemento sobre a vía pública.
Os traballos consisten na retirada de lousas da vertente da cuberta orientada cara á rúa Catedral que poidan supoñer un risco de caída.
Esta intervención prodúcese despois de que a pasada semana se desprendese parte dunha cornixa do inmoble. Tras ter coñecemento do sucedido, procedeuse ao valado da zona e ao corte da rúa como medida preventiva, mantendo un itinerario alternativo para a veciñanza pola rúa Bo Xesús.
A actuación ten como finalidade reducir os riscos derivados do estado da edificación e preservar a seguridade das persoas que transitan por esta contorna.
URBANIZACIÓN NA RÚA VIRXE DO CARME
O Concello de Lugo licita a contratación das obras de urbanización dunha marxe da rúa Virxe da Soidade, no barrio das Gándaras, co obxectivo de mellorar a seguridade no uso desta vía. Trátase dunha actuación cun longo percorrido, que o Partido Popular vén reclamando desde hai anos e que agora, tras uns meses do novo goberno avanza cara á súa execución.
Hai que lembrar que a Xunta de Goberno Local do 18 de xaneiro de 2017 xa encomendara a EVISLUSA a elaboración do proxecto para urbanizar parcialmente unha marxe desta rúa pero a intervención quedou sen executar durante anos.
O PP mantivo esta demanda durante a súa etapa na oposición, pediu partidas nos orzamentos que o anterior goberno rexeitou.
A mellora da rúa Virxe da Soidade formou tamén parte dos compromisos asumidos polo actual Goberno municipal ao presentar o seu plan de actuación para Lugo.
O contrato que se ven de licitar conta cun orzamento base de licitación de 152.554,59 euros e o prazo de presentación de ofertas remata o 12 de novembro de 2026.
Esta actuación exemplifica o sentido do Lugo dos feitos: dar continuidade ás demandas veciñais, desbloquear actuacións que quedaron pendentes e avanzar con medidas concretas que melloren a seguridade e a vida diaria nos barrios.