O Goberno local de Lugo deu conta este venres do nomeamento de Javier Arias Fouz como novo director xeral de Urbanismo, unha incorporación coa que busca reforzar unha área considerada estratéxica para o desenvolvemento da cidade e para a axilización de proxectos pendentes. O nomeamento foi comunicado durante a reunión da Xunta de Goberno local, tras un rápido proceso de selección ao que se postulou o exdelegado territorial da Xunta de Galicia, que foi substituído a pasada semana polo exconselleiro do Mar Alfonso Villares, tamén exalcalde de Cervo.
A alcaldesa, Elena Candia, insistiu en que o obxectivo deste equipo de goberno é “captar talento” e “dotar convenientemente os servizos” para fortalecer o persoal municipal. Así, avanzou que comezou tamén o proceso para a cobertura do xefe de Recursos Humanos e do xefe de Urbanismo. A rexedora valorou a experiencia de Arias no sector e “a súa aposta pola cidade”, e asegurou que confía plenamente no “seu encaixe” no servizo.
PRAZA DE ARQUITECTO
Tamén se habilitará unha praza de arquitecto para prever unha xubilación dun administrativo nesta mesma área. “Segue habendo bloqueo na concesión de licenzas e temos que dimensionar estes servizos, pero non é o único servizo que ten carencias de persoal e por iso estamos a empezar”, engadiu Candia. A alcaldesa non quixo deixar sen agradecer aos traballadores do Concello o labor realizado neste tempo, a pesar da falta de persoal.
150 REUNIÓNS NO PRIMEIRO MES
Candia tamén aproveitou a reunión para facer un pequeno balance do seu primeiro mes como alcaldesa, destacando as 150 reunións realizadas ata a data, cunha “gran intensidade de traballo”, aínda que puxo en valor o que se vai conseguindo. “Tiñamos compromisos adquiridos e foi con eles cos que empezamos desde o primeiro minuto e é no que estamos a traballar”, insistiu Candia. A rexedora explicou que o seu equipo chegou ao Concello “para traballar e para resolver”. “E é o que estamos a facer”, afirmou.
OUTROS ACORDOS EN INFRAESTRUTURAS
Nesta sesión tamén se aprobaron distintos acordos relacionados con servizos públicos, infraestruturas municipais, seguridade e mantemento de instalacións. Entre as decisións máis destacadas figura a incorporación ao patrimonio municipal do histórico quiosco da Praza Maior, un trámite considerado clave para poder avanzar na súa recuperación e futura posta en funcionamento.
O Concello prevé acometer agora traballos de baleirado, limpeza e acondicionamento do inmoble co obxectivo de habilitar neste espazo un baño público e un punto de información turística, ampliando así os servizos dispoñibles nun dos enclaves máis visitados e emblemáticos do centro histórico lucense. A Xunta de Goberno tamén aprobou a contratación do servizo de cociña, comedor e lavandaría da Escola Infantil Gregorio Sanz por un importe de 234.000 euros.
O actual contrato finaliza o próximo 31 de xullo de 2026 e o Executivo municipal optou por adiantar a tramitación para garantir a continuidade do servizo sen interrupcións para as familias usuarias do centro. En materia de seguridade, o Goberno local deu luz verde á contratación do servizo de mantemento dos sistemas de protección contra incendios dos edificios municipais, un contrato que se atopaba caducado desde o ano 2022. O novo servizo incluirá a revisión e mantemento de extintores, sistemas de detección e alarma, sinalización de emerxencia e outros elementos esenciais para garantir a seguridade das instalacións públicas municipais.
Desde o Goberno destacan que a actualización destes controis resulta prioritaria para asegurar que todos os equipamentos municipais cumpran as condicións de seguridade esixibles e evitar situacións derivadas da falta de mantemento acumulada nos últimos anos. A sesión serviu igualmente para avanzar na contratación do servizo de roza de pistas municipais, unha actuación especialmente demandada na zona rural do municipio e cuxa tramitación, segundo o Goberno local, tivo que acelerarse para evitar novos atrasos en plena época de crecemento da vexetación.
OUTRAS DECISIÓNS
No ámbito deportivo, aprobouse o proxecto de renovación integral da pista de atletismo Gregorio Pérez Rivera, unha actuación orzada en 679.980 euros que permitirá modernizar unha instalación moi utilizada por clubs e deportistas da cidade. O proxecto pretende responder a unha reivindicación histórica dos usuarios e continuar coa mellora progresiva das infraestruturas deportivas municipais.
Outro dos acordos adoptados foi a aprobación dun plan de mellora e control das colonias felinas do municipio, acompañado de medidas de formación e concienciación social orientadas a promover unha xestión máis adecuada e coordinada destes espazos. Ademais, o Goberno local acordou a prórroga do servizo de soporte, mantemento e actualización da plataforma municipal de venda de entradas, así como a contratación con Cogami da subministración de material de imprenta reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social.
