A Presidenta da Deputación, Carmela López, e a Alcaldesa de Antas de Ulla e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisaron este mércores diferentes investimentos da institución provincial no municipio. Unha visita na que estiveron acompañadas polos concelleiros José Manuel Quintá, Ana María Guerreiro, José Ouro e José Manuel Almuiña; e que se enmarca no percorrido que a mandataria provincial está a facer polo territorio para coñecer a realidade local e os avances dos proxectos impulsados en colaboración cos concellos.
“Sabedes que cooperar cos municipios é unha das nosas prioridades porque son as administracións que mellor coñecen as necesidades de cada territorio e as que están máis preto dos veciños e veciñas”, contextualizou a Presidenta. Sinalou que, en concreto, “a colaboración con Antas permite avanzar en actuacións estratéxicas para a veciñanza, como a mellora da mobilidade, a rehabilitación de edificios públicos e outras iniciativas que nos axudan a fixar poboación no rural”.
Avanzou que as obras do Parque Central de Galicia, que visitaron pola tarde, están xa rematadas e se inaugurarán este verán como “un polo de atracción turística para a contorna”. Coincidiu con García Porto en que esta dotación constitúe “un recurso singular polo seu valor simbólico e xeográfico, que reforza a posición do municipio na oferta de turismo de interior e contribúe a diversificar os atractivos do territorio”. En termos de desenvolvemento local, o parque situado na parroquia de Nugallás contribuirá a dinamizar a economía local, favorecendo os servizos de proximidade.
Melloras sobre a mobilidade
Comezaron o percorrido no sur do concello, preto do límite con Monterroso. Na parroquia de Olveda, onde lle avanzaron aos veciños e veciñas que a través do Parque Móbil, a Deputación arranxará nos vindeiros días a vía que une os dous municipios por Sindín. Aproveitaron tamén para ver o resultado das obras feitas polo equipo provincial, entre outras, as dos núcleos de Vilance e Timós.
Ademais, ambas mandatarias inspeccionaron os labores de roza e desbroce que está a acometer a Deputación nas estradas provinciais ao seu paso polo municipio.
Posteriormente, desprazáronse ao casco urbano, onde visitaron outra actuación estratéxica para rede viaria local que fixo o Concello con cargo ao Plan Deputación 2024. Percorreron a rúa Miguel Ángel Blanco, unha vía central na que se concentran diferentes servizos públicos da localidade, e a rúa O Carrizal, cun carácter máis residencial. En ambas actuouse sobre a pavimentación, mellorando o firme con preto de 30.000€.
Finalmente, visita a Casa Consistorial, onde se executarán obras de reparación da cuberta con cargo a outra achega provincial de máis de 34.000€.
