A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defendeu que a situación de María Reigosa, que exercerá en Lugo como “supervisora de infraestruturas” da man de Elena Candia sen retribución económica, é “o normal que ocorre en moitos concellos” con edís que teñen responsabilidades no goberno local ou que o “apoian” sen cobrar. “Se se fai unha ollada aos 313 concellos de Galicia vese que maioritariamente hai moitos concelleiros e concelleiras de goberno que non cobran nada por exercer a súa actividade e que, sen embargo, teñen responsabilidade municipal”, respondeu nunha rolda de prensa na que lle preguntaron pola elección dunha edila tránsfuga do PSOE para exercer labores de supervisión política.
Prado sostivo que a “prioridade” en Lugo é “tirar adiante proxectos que beneficien os lucenses”. “Ese é o verdadeiro motor do goberno de Elena Candia, que marcou un plan de case 50 medidas pensadas para os lucenses e que, neste marco, todos os concelleiros e concelleiras que apoian este novo equipo teñen a responsabilidade de levalas a cabo”, argumentou.
CRÍTICAS Á ESQUERDA
Sobre as críticas dos seus rivais políticos, Prado dixo entender que a esquerda “estea frustrada” e engadiu que “traballa máis na oposición do que o fixo no goberno”. De feito, ironizou coas palabras do portavoz local do BNG, Rubén Arroxo, relativas a que había que “comezar a traballar”. “O BNG traballa mellor na oposición. Ao señor Arroxo tócalle agora organizar manifestacións, protestas e todas esas cousas porque na xestión nin estaba nin se lle esperaba”, criticou. A dirixente popular amosouse convencida de que agora arrinca “un novo tempo de oportunidades para Lugo cun novo goberno”.
O CHAMADO “PACTO DO TANATORIO”
Sobre o uso de termos por parte de dirixentes socialistas como Lara Méndez, que falou de “pacto do tanatorio” en referencia ao acordo que fixo posible que o PP se fixese co bastón de mando municipal lucense, Prado cualificou esa expresión de “absolutamente irrespectuosa” cara aos membros do anterior goberno local que faleceron. A secretaria xeral do PPdeG suxeriu que, se quen fan ese tipo de comentarios falasen “cos familiares” dos falecidos, “quizais levarían unha sorpresa” sobre o que pensan de que “estean a utilizar os mortos para xustificar a súa incompetencia política”.
Como argumento, asegurou que o marido da finada Paula Alvarellos, segunda rexedora de Lugo neste mandato, agradeceu “expresamente” a Elena Candia o trato recibido en relación coa figura da súa muller. “Creo que os familiares non están en absoluto de acordo con esa deriva do PSOE que pretende buscar culpables dun xeito totalmente falto de ética e moral”, concluíu.
