O compromiso co galego da empresa Daveiga, creadora e comercializadora das populares galletas ‘Mariñeiras’, é de todas e todos coñecido. Pois ben, este ano vai máis alá tras anunciar a organización dunha xornada especial para festexar o ‘Día das Letras Galegas’ nas instalacións da compañía e dirixida ao persoal e ás súas persoas convidadas. O encontro festivo, bautizado como “Daveiga dálle á lingua” e que terá lugar o propio 17 de maio nas propias instalacións da empresa, terá un carácter interno e participativo co obxectivo de compartir cultura, lingua e gastronomía nun ambiente próximo e de convivencia.
COMPROMISO CO GALEGO
Desde a súa fundación no ano 2005, Daveiga mantén un compromiso firme e coherente coa lingua galega, empregándoa de forma natural e consciente en toda a súa comunicación corporativa, tanto interna como externa. Para a empresa, “o galego non é só un vehículo de expresión, senón unha parte esencial da súa identidade e do seu xeito de entender o territorio, o produto e as persoas. Esta celebración enmárcase nesa traxectoria de máis de dúas décadas apostando pola normalización lingüística desde o ámbito empresarial”.
PROGRAMA DE ‘DAVEIGA DÁLLE Á LINGUA’
A xornada dará comezo ás 11:00 horas cunha visita ao obrador, na que as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man o proceso de elaboración das tostas de pan mariñeiras e as instalacións de Daveiga.
Ás 11:30 horas celebrarase un recital de poesía a cargo de Paco Ledo, Ana Gamallo e Ramón R. Porto. Durante este acto realizarase tamén un sorteo de libros de Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026, así como exemplares das persoas autoras participantes no recital.
A partir das 12:30 horas, a música e a literatura darán paso a un espazo máis distendido con pinchos e vermú, coa participación de Vermús Lodeiros, e propostas gastronómicas propias da contorna de Arqueixal, Tres Fuciños, a queixería Airas Moniz e as empanadas de Panadería Feijóo. Ademais, contarase coa presenza de Chicha Lovers, quen ofrecerá os seus coñecidos bocatas de chicha.
A xornada continuará ás 13:00 horas cun concerto de Noite Atari, grupo emerxente de punk rock en galego, que achegará unha vertente máis contemporánea e reivindicativa á celebración.

MENSAXE DE DAVEIGA
Desde Daveiga destacan que esta iniciativa nace coa vontade de “celebrar a nosa lingua como acto de responsabilidade cultural vinculada ao territorio”.
Co permiso e respecto á figura de Celso Emilio Ferreiro, dende a xerencia recorren ao seu poema Deitado Frente ao mar para dicir que fan este evento…
“…. PORQUE SÍ, PORQUE NOS GOSTA,
PORQUE NOS PETA E QUEREMOS E DANOS A GAÑA
PORQUE NOS SAI DE DENTRO…..”
