O Concello de Vilalba celebrará o vindeiro martes, 5 de maio, un pleno extraordinario no que se someterán a aprobación varios proxectos de obra cun investimento conxunto superior aos 1,5 millóns de euros, co obxectivo de iniciar sen demora actuacións clave en infraestruturas municipais.
Entre eles destaca o proxecto de renovación da rede de saneamento da rúa Plácido Peña, unha intervención cun investimento dun millón de euros e prioritaria, que permitirá resolver problemas detectados no funcionamento actual da rede, como filtracións, perdas e deficiencias derivadas do paso do tempo.
Esta actuación permitirá mellorar o sistema de recollida de augas residuais, evitando incidencias que afectan directamente á veciñanza e garantindo un servizo máis eficiente e adaptado ás necesidades actuais.
O proxecto financiarase a través do convenio entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Vilalba, destinado á execución de actuacións de mellora do abastecemento e saneamento no municipio.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “estamos a falar dun servizo básico que non sempre se ve, pero que é fundamental no día a día da veciñanza. Este proxecto vai permitir solucionar problemas existentes dende fai décadas e garantir un funcionamento máis seguro e eficiente da rede”.
O pleno abordará outras actuacións relevantes, como a rexeneración dos accesos ao núcleo de Cabanamille, na parroquia de Belesar, cun investimento de máis de 48.000 euros, que permitirá mellorar a seguridade e o estado da vía municipal que conecta coa estrada provincial LU-P-6511.
Pola súa banda, tamén se someterá a votación o proxecto para o reforzo do firme no acceso ao polígono industrial de Vilalba desde a LU-P-6502, cun orzamento de 150.000 euros, unha actuación clave para mellorar a seguridade e a funcionalidade dun dos principais accesos á zona industrial.
Así mesmo, levarase a pleno a modificación de viario no campo da feira para a creación dun espazo infantil que permitirá contar cunha zona máis segura e adaptada para o uso por parte de nenos e nenas.
Entre os asuntos do pleno tamén estará a rexeneración de distintas vías municipais nas parroquias de Oleiros, Román, Lanzós e San Simón da Costa, mediante actuacións de limpeza, mellora do firme e sinalización, que contribuirán a mellorar a accesibilidade e a mobilidade no rural.
“Estamos a falar de investimentos que melloran servizos básicos, accesos e espazos públicos. Ese é o noso compromiso: actuar onde hai necesidades reais e facelo con responsabilidade”, salientou a alcaldesa, Marta Rouco.
Por último, Rouco subliñou que “o importante é avanzar, aprobar estes proxectos e poñelos en marcha canto antes, porque detrás de cada obra hai unha mellora directa na calidade de vida da veciñanza”.
