O deputado lucense e portavoz de Industria e Turismo do Grupo Popular no Congreso, Francisco Conde, celebra a unanimidade acadada na Comisión de Industria e Turismo do Congreso para apoiar a declaración institucional proposta polo PPdeG para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO.
“Trátase dunha iniciativa para proxectar un dos patrimonios culturais e paisaxísticos máis relevantes do país”, reivindica Conde, que pon en valor o esforzo de todos os grupos no Congreso para reafirmar a candidatura “Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga’ a Patrimonio Mundial.
PATRIMONIO HIDRÁULICO E CULTURAL
A declaración institucional proposta polos populares destaca á Ribeira Sacra como un enclave natural que “ilustra a xénese e evolución dun territorio esculpido pola auga e paradigma dunha cultura hídrica”, así como a súa historia vinculada a antiga tradición eremítica e monástica.
Tamén se fai referencia aos seus principais atributos, entre os que sobresaen o capital biocultural, as formas ancestrais de ocupar o territorio, os sistemas tradicionais de cultivo, o denso e variado patrimonio hidráulico ou os canóns e vales fluviais que sustentan a paisaxe.
O deputado popular tamén subliña o “forte compromiso institucional” coa Ribeira Sacra e coa candidatura, polo que esta declaración institucional se converte nun paso máis de cara ao obxectivo final na UNESCO.
