InicioTerra CháVilalbaO FIV de Vilalba pecha a XIX Edición con 7.000 asistentes e...

O FIV de Vilalba pecha a XIX Edición con 7.000 asistentes e un millón de euros en recadación

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, puxo en valor non só os datos de asistencia, senón tamén o ambiente vivido na vila ao longo de toda a fin de semana

PUBLICADA O

- Advertisement -

O FIV de Vilalba pechou a súa décimo novena edición cun balance moi positivo, reunindo a máis de 7.000 persoas ao longo de toda a fin de semana e consolidándose como unha das citas musicais máis destacadas do calendario galego.

Segundo os datos facilitados pola produtora iRadia Crea, o festival xerou un impacto económico estimado próximo ao millón de euros na localidade, tendo en conta o gasto das persoas asistentes en aloxamento, hostalaría, comercio, desprazamentos e outros servizos vinculados á celebración do evento.

Durante a rolda de prensa celebrada esta mañá, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, puxo en valor non só os datos de asistencia, senón tamén o ambiente vivido na vila ao longo de toda a fin de semana. “Máis alá das cifras, o que vivimos en Vilalba foi unha fin de semana de moita actividade, de xente nas rúas, de ambiente e de dinamismo. Esa é a mellor mostra de que o FIV funciona e de que ten un impacto real na nosa vila”, sinalou.

Rouco destacou tamén a capacidade do festival para atraer público de distintos puntos de Galicia e doutros territorios, convertendo Vilalba nun punto de encontro arredor da música en directo. “O feito de que as prazas hoteleiras estiveran completas semanas antes é un indicador claro da dimensión que está a acadar o FIV e do seu potencial para xerar oportunidades económicas para o conxunto da veciñanza”, engadiu.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Mónica González, fixo tamén un balance moi positivo desta edición e destacou a importancia de seguir mellorando de cara ao futuro. “O FIV está consolidado e funciona moi ben, pero iso non significa que nos conformemos. Escoitamos sempre os comentarios e as suxestións do público, porque son clave para seguir avanzando e mellorando cada edición”, sinalou. Neste sentido, avanzou que o traballo xa está posto na vindeira cita. “O ano que vén cumprimos 20 anos e queremos que sexa unha edición especial. Imos traballar desde xa para conseguilo”, concluíu.

O festival volveu abrir a tempada de música en directo en Galicia cunha programación que combinou concertos nocturnos no recinto do Campo da Feira con actividade durante o día no centro da vila, rexistrando unha gran afluencia de público e un ambiente moi positivo ao longo de toda a fin de semana.

Desde o Concello de Vilalba valoran esta edición como un novo paso na consolidación do FIV como referente cultural e como unha ferramenta clave para a dinamización social e económica do municipio, reafirmando o seu compromiso coa continuidade e mellora do festival nas vindeiras edicións.

+ posts

ÚLTIMAS

O PSOE defende un “proxecto da xente” fronte a unha dereita centrada en “desmantelar” servizos públicos

Os candidatos do PSdeG-PSOE ao Congreso e ao Senado pola provincia de Lugo, Patricia...

Condenan a nove anos por maltratar e agredir sexualmente á filla menor da súa parella

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a nove anos e un...

Benigno Gómez (PSOE), o alcalde que deixa Cervantes para gozar da xubilación tras cinco maiorías absolutas

O socialista Benigno Gómez, nacido en 1953, presentou este luns a súa renuncia como...

Begonte chora a Jesús Domínguez Guizán, o cura que puxo no mapa o seu belén

O Concello de Begonte (Lugo) declarou dous días de loito pola morte o pasado...