InicioPolíticaO PSdeG acusa á Xunta de "falta de planificación" ante a "deterioración"...

O PSdeG acusa á Xunta de “falta de planificación” ante a “deterioración” da Atención Pirmaria en Lugo

A denuncia realizouse nunha rolda de prensa celebrada na sede provincial do partido, coa participación da secretaria de Organización, Lara Méndez

PUBLICADA O

- Advertisement -

O PSdeG advertiu este xoves do progresivo empeoramento da atención primaria na provincia de Lugo, unha situación que atribúe a anos de “recortes e á ausencia” dunha estratexia eficaz por parte do Goberno galego.

A denuncia realizouse nunha rolda de prensa celebrada na sede provincial do partido, coa participación da secretaria de Organización, Lara Méndez; a portavoz na Deputación, Pilar García Porto; e os alcaldes de Xermade e Ribeira de Piquín, Roberto García Pernas e Roberto Fernández Rico.

Durante a súa intervención, Méndez enmarcou a situación nun problema estrutural do sistema sanitario galego, sinalando que os datos reflicten un empeoramento sostido nos últimos anos. Segundo indicou, o aumento das listas de espera e a dificultade para acceder a consultas ou probas diagnósticas evidencian “unha xestión deficiente”.

Neste sentido, advertiu de que os atrasos poden ter consecuencias graves para os pacientes, especialmente cando se prolongan durante meses. “Galicia está á cola da atención primaria e ten as peores listas de espera da década”, destacou.

A dirixente socialista tamén subliñou o crecente malestar social en torno ao funcionamento da sanidade pública, apuntando a un aumento significativo da insatisfacción cidadá na última década.

Ao seu xuízo, non se trata dun problema puntual, senón dunha tendencia continuada que está a debilitar o sistema. Asegura que preto de 400.000 persoas están en listas de espera, cun incremento de 20.000 en seis meses.

Pola súa banda, García Porto puxo o foco no impacto territorial desta situación, especialmente no medio rural, onde –segundo explicou– a falta de profesionais está a xerar importantes desigualdades no acceso á atención sanitaria.

Denunciou a existencia de prazas sen cubrir, así como a ausencia de substitucións ante xubilacións ou baixas, o que está a deixar a algúns municipios nunha situación crítica.

A portavoz provincial citou exemplos concretos de concellos onde a atención médica reduciuse de forma notable nos últimos anos, provocando desprazamentos innecesarios, sobrecarga noutros centros e dificultades para garantir un servizo adecuado.

Referiuse a tres casos, Bóveda, onde dous centros dependen dun único profesional; Pantón, con prazas sen cubrir, ou Cervantes, que pasou de ter tres médicos a ter un. Ao seu entender, esta realidade non só afecta á calidade asistencial, senón tamén á cohesión territorial e ao futuro do rural lucense.

Na mesma liña, os alcaldes presentes trasladaron a problemática que viven os seus municipios. O rexedor de Ribeira de Piquín denunciou a redución da cobertura médica na última década e criticou a falta de resposta ante profesionais dispostos a ocupar prazas vacantes.

O alcalde de Xermade explicou que a escaseza de facultativos obriga en ocasións a deixar o centro de saúde sen atención ante urxencias ou visitas domiciliarias.

Os representantes socialistas coincidiron en reclamar medidas urxentes á Xunta para reforzar a atención primaria, cubrir as vacantes existentes e garantir un acceso equitativo á sanidade pública en toda a provincia, con especial atención ás zonas rurais.

+ posts

ÚLTIMAS

A edil non adscrita, María Reigosa, permite aprobar os orzamentos de Lugo co seu voto

O goberno local de Lugo logrou sacar adiante de forma definitiva os orzamentos para...

O xulgado anula unha ordenanza do Concello de Outeiro de Rei que vulneraba o dereito do BNG a defender as súas emendas

A maxistrada da praza 1 da Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia de...

O Plan Deputación prevé 300 actuacións e máis de 270 novos empregos nos 67 concellos

O goberno provincial de Lugo levará ao pleno ordinario do mes de marzo o...

Abre o prazo de inscrición para as novas actividades nas Reservas da Biosfera da Deputación

A Deputación de Lugo abre mañá venres, día 27 de marzo a partir das...