O Grupo Municipal Popular conseguiu sumar apoios na comisión extraordinaria de contas que se celebrou esta mañá e sacar adiante emendas relevantes que melloran os Orzamentos de 2026.
O PP conseguiu a unanimidade dos representantes dos grupos municipais do PSOE e do BNG para modificar as bases de execución dos orzamentos e habilitar anticipos de pago ás entidades sen ánimo de lucro. Esta medida permitirá adiantar parte das subvencións e aliviar a situación de moitas entidades que se están vendo obrigadas a adiantar gastos e asumir un esforzo económico extraordinario debido aos retrasos nos pagamentos municipais, malia ter as subvencións debidamente xustificadas.
Asemesmo, grazas ao voto favorable de Cristina López Fernández, do Grupo Municipal do BNG, foi aprobada a emenda que defendemos para que o Concello aplique o acordo plenario de xullo de 2025 e bonifique o IBI, ademais de eliminar a plusvalía, aos propietarios de terreos afectados polo cambio de cualificación urbanística nas áreas de expansión.
O PP recorda que esta medida afecta a unha superficie de 15.451.424 metros cadrados, onde existen inmobles que non contan con licencia directa, nin dereitos urbanísticos, pero que, con todo, están a tributar como solo urbano. Trátase dunha situación inxusta porque se lles impoñen aos veciños as obrigas propias do solo urbano, pero non se lles recoñecen dereitos reais a cambio, como poder construír ou desenvolver os seus terreos. É dicir, pagan como solo urbano, pero non teñen dereitos de solo urbano.
Por outra parte, co apoio da edil María Reigosa, saíu adiante a emenda para incorporar o saneamento de Fermín Rivera aproveitando as obras previstas, unha actuación moi necesaria xa que o goberno local non fóra quen de incluír nos seus propios orzamentos.
