O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos Couñago, sinalou que o novo goberno da Deputación de Lugo, coa elección de Carmela López como presidenta tras a saída de José Tomé polas acusacións de acoso sexual, demostra “o pouco que lle importan as mulleres” ao PSdeG e BNG.
En rolda de prensa este xoves, o portavoz popular insistiu en que o goberno nace “dun vergoñento pacto capitaneado por un presunto acosador sexual”, polo que lamentou que socialistas e nacionalistas priorizasen “os seus intereses políticos e monetarios” para aceptar o voto de Tomé e “manterse” no executivo provincial.
“O esperpento chega a tal punto que unha muller foi capaz de aceptar o voto dese presunto acosador sexual para facerse coa presidencia. Pregúntome ata que punto poden chegar as ansias de poder das mulleres socialistas cando a nova presidenta é capaz de aceptar un goberno totalmente embarrado polo voto dun presunto acosador sexual”, lamentou
Para Pazos Couñago, desde este mércores “o límite posto” polas socialistas quedou “nun nivel tan baixo” que, engadiu, “calquera cousa que fagan por manterse no poder non vai sorprender”. Ademais, reprochou ao BNG, “a terceira pata deste goberno tripartito”, que amosase “o seu feminismo de pancarta” ao “deixar de lado a defensa das mulleres para conseguir manterse na Deputación”.
“A pesar de que sempre queiran facer crer que están en contra destas institucións provinciais. Están en contra sempre que non estean eles no goberno e teñan acceso á caixa de caudais para repartir entre os seus amigos e organizacións satélites o diñeiro”, relatou.
Nesta liña, criticou a “pouca vergoña” con que o BNG “xustificou o seu apoio” á nova presidenta: “500.000 euros bastaron para que os nacionalistas galegos esquecesen as travesuras levadas a cabo polo presunto acosador sexual e pechasen os ollos e desen o seu voto favorable á nova presidenta”. “Ata que punto debe chegar esta vergoñenta situación que nin a súa propia lideresa tivo a ben asistir á toma de posesión para poder felicitar aos seus compañeiros que seguen no goberno, a pesar de que todo o seu discurso profeminista veuse abaixo”, apostilou.
BNG DEFENDE O SEU PAPEL
Pola súa banda, a portavoz nacional de BNG, Ana Pontón, volveu a defender o papel dos nacionalistas na institución provincial lucense: “Dixemos que non podía estar de presidente e vai estar fóra da Presidencia e do goberno da Deputación”. Esta é, para a líder do Bloque, “a cuestión crave” e agora, avanzou, continuarán defendendo os intereses de Lugo para que a institución “teña un funcionamento democrático que responda os intereses dos lucenses”.
