InicioPolíticaCarmela López reivindica o papel da muller na política na súa elección...

Carmela López reivindica o papel da muller na política na súa elección como presidenta da Deputación de Lugo

Foi apoiada por PSdeG, BNG e polo, agora non adscrito, José Tomé. O PPdeG insiste no "pacto da vergoña".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A alcaldesa de Burela, a socialista Carmela López, foi elixida este mércores como nova presidenta da Deputación de Lugo cos votos do PSOE, do BNG e do integrante do grupo mixto, o expresidente da institución José Tomé. A rexedora contou co apoio de todos os deputados socialistas e do Bloque Nacionalista Galego, así como do propio José Tomé, que avanzou ao comezo do pleno que se sumaba á proposta do Grupo Socialista. Na sesión os populares apoiaron ao seu propio candidato, o portavoz do PP na institución provincial, Antonio Ameijide.

Deste xeito, socialistas e nacionalistas dan continuidade ao acordo de goberno que mantiñan na institución provincial ata que a principios do pasado mes de decembro o que era presidente, o aínda alcalde de Monforte José Tomé, renunciou á Presidencia e saíu das filas socialistas tras ser denunciado por suposto acoso sexual a través da canle interna que para iso habilitou o Partido Socialista.

Carmela López logrou manter a unidade no Grupo Provincial Socialista e lograr o respaldo dos tres deputados provinciais que encabezaron unha candidatura alternativa a Tomé nas primarias que o PSOE de Lugo celebrou á Secretaría Xeral. A alcaldesa de Burela prometeu “pola súa conciencia e honra cumprir fielmente” as obrigacións da Presidencia da Deputación de Lugo, con “lealdade” a Rei, á Constitución e ao Estatuto de Autonomía de Galicia.

IGUALDADE NO CENTRO DO DISCURSO

Tras tomar posesión do cargo, no seu primeiro discurso, Carmela López asegurou asumir Presidencia desde a igualdade e manifestou que chega ao cargo grazas ao camiño feito por moitas mulleres e homes para que “cada vez haxa máis mulleres na política”. “A miña experiencia como alcaldesa, o cargo máis fermoso que se pode alcanzar en política, ensinoume a gobernar con capacidade de diálogo, accesibilidade e empatía, pero tamén con firmeza e criterio propio”, destacou.

Todo iso nunha intervención na que puxo en valor o traballo do goberno bipartito na institución e subliñou tamén a súa “estabilidade”. Á oposición dirixiuse directamente para amosar a súa disposición a chegar a acordos “beneficiosos para os veciños da provincia, pondo sempre por diante o interese colectivo”. Defendeu a existencia de debate e de diferentes visións no seo do organismo que agora preside, pero insistiu en que “debe de haber algo por encima de todo, o interese da provincia”. Ademais, agradeceu a confianza mostrada nela polo PSOE, á que asegurou que responderá con “compromiso e servizo público”.

Non faltaron as palabras de recoñecemento á súa familia, onde non puido reprimir a emoción, aos que agradeceu o seu apoio “que foi fundamental para estar aquí”. E fixo tamén un recoñecemento ao traballo levado a cabo polo equipo de Goberno anterior “un traballo serio e útil”, lembrando as palabras do anterior presidente, sobre que a Deputación é “o Concello dos concellos”. Concluíu o seu discurso lembrando que se impulsarán proxectos e “traballarase polo conxunto da provincia de Lugo e polos nosos veciños”.

Ao pleno asistiu tanto o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como a presidenta dos populares de Lugo, Elena Candia. Antes de arrincar o pleno, PSOE e BNG avanzaban a súa intención de apoiar a candidatura que encabeza a alcaldesa de Burela, mentres que o portavoz do PP, Antonio Ameijide, volveu cualificar de “pacto da vergoña” o acordo.

ASÍ FOI A SESIÓN

Tras a apertura da sesión por parte do presidente en funcións da Deputación, o nacionalista Efrén Castro, e a lectura da normativa para a elección, o PP presentou como candidato a Antonio Ameijide, actual portavoz do grupo, mentres que o PSOE postulou a Carmela López, alcaldesa de Burela, tal e como anunciara ao comezo do ano. Ademais, no José Tomé, agora concelleiro non adscrito, sumouse á proposta socialista, mentres que o BNG, que xa trasladara a súa intención de apoiar á candidata do PSOE, comunicou a súa intención de non presentar candidato.

Votaron en primeiro lugar todos os disputados populares –na súa condición de lista máis votada–, mentres que os socialistas e nacionalistas fixérono a continuación, pechando a votación o non adscrito. Tal e como se agardaba e sen sorpresas, Carmela López logrou os 13 votos que necesitaba, sumando PSOE, BNG e ao deputado non adscrito para facerse coa Presidencia da Deputación, cargo ao que accedeu cunha ovación de deputados e público asistente, que se repartiu entre o propio salón de plenos e o de actos anexo. Alí seguiron a sesión a través dunha pantalla diversos cargos do partido, amigos e familiares.

CONTINUIDADE AO ACORDO DE GOBERNO PROVINCIAL

Deste xeito, socialistas e nacionalistas dan continuidade ao acordo de goberno que mantiñan na institución provincial ata que a principios do pasado mes de decembro o que era presidente, o aínda alcalde de Monforte José Tomé, renunciou á Presidencia e saíu das filas socialistas tras ser denunciado por suposto acoso sexual a través da canle interna que para iso habilitou o Partido Socialista. Carmela López logrou manter a unidade no Grupo Provincial Socialista e axuntar o respaldo dos tres deputados provinciais que encabezaron unha candidatura alternativa a Tomé nas primarias que o PSOE de Lugo celebrou á Secretaría Xeral.

TOMÉ FACILITARÁ O LABOR DO GOBERNO BIPARTITO

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a alcaldesa de Burela, Carmela López, será unha “gran lideresa” ao “temón” da Deputación de Lugo, institución na que este mércores tomou posesión como presidenta tras a renuncia o pasado mes de decembro de José Tomé ao ser denunciado por suposto acoso sexual. En declaracións aos medios tras a celebración do pleno no que Carmela López logrou o apoio de PSOE, BNG e do propio Tomé, o xefe de filas do PSdeG describiu esta xornada como un “día de alegría” e asegurou que a nova presidenta marca unha “forma de facer política claramente socialista”, coa súa aposta pola cooperación cos concellos e a integración da provincia fronte a un PP que “maltrata” a Galicia interior.

BESTEIRO FALA DE “AIRE FRESCO”

Besteiro, que destacou que este tipo de política supón un “aire fresco“, rexeitou as acusacións do PP, que cualifica o acordo entre BNG e PSOE como “pacto da vergoña”. “O PP que se deixe de facer declaracións erráticas, descalificatorias, e que se centre nos intereses da provincia”, asegurou. O secretario xeral do PSdeG sostivo que “o PP ano tras ano materializa” na provincia de Lugo a súa falta de investimentos e de aposta polo rural, ao mirar só “para outra parte de Galicia” e nunca para “Lugo e a Galicia interior”.

Ademais, argumentou que os “pactos da vergoña” son as mocións de censura que o PP fai por toda Galicia “nos que se ignoran totalmente os resultados das eleccións e nos que se pactan cuestións inconfesables”. Preguntado respecto diso, Besteiro lembrou que a dirección do PSdeG pediu a José Tomé, quen xa está fóra das siglas socialistas, que entregue a acta, pero lembrou que a acta é persoal. Precisamente, aínda que rexeitou facer declaracións aos medios, Tomé mostrouse este mércores disposto a facilitar o labor de goberno á nova presidenta. “Hoxe é o seu día“, trasladou.

PAULA PRADO LAMENTA A “CONSUMACIÓN DO PACTO BALTROTEIRO”

Pola contra, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou este mércores “a consumación do pacto baltroteiro entre PSOE, BNG e o presunto acosador sexual José Tomé”, cuxo voto, subliñou, foi hoxe “necesario” para que a socialista Carmela López fose elixida como nova presidenta da Deputación de Lugo. “Hoxe só podo dar o pésame aos veciños de Lugo porque este tripartito PSOE, BNG e Tomé acaba de enterrar a defensa dos intereses dos cidadáns”, trasladou, mediante un comunicado, a número dous dos populares galegos.

Prado preguntou a PSOE e BNG “con que cara van defender a partir de hoxe ás mulleres tras formar goberno co voto dun presunto acosador sexual”. Ao tempo, sinalou a Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro como cómplices deste pacto”. “Que manual de feminismo recomenda formar goberno cun presunto acosador sexual?”, preguntouse. Á nova presidenta da Deputación de Lugo lembroulle que “foi elixida grazas ao apoio deste deputado sobre o que pesan denuncias de mulleres” e cualificou de “desvergoña” que Carmela López falase de igualdade durante o seu discurso. “Ten que saber que ela tamén é cómplice deste pacto baltroteiro”, insistiu Prado.

O PP DE BURELA CRITICA O “MÉTODO TOMÉ” DA NOVA PRESIDENTA

O PP de Burela reaccionou á elección de Carmela López como nova presidenta da Deputación de Lugo. Os populares consideran a López como a “alumna avantaxada” do seu mentor, asegurando que xa aplicou desde a alcaldía de Burela o “método Tomé“, baseado en actitudes que cualifican de déspotas e autócratas, chegando incluso a ocultar información á oposición.

No seu comunicado, o grupo popular lembra que a designación de López como candidata nas municipais de 2023 foi imposta por Tomé nunha reunión polémica, en contra das pretensións do actual tenente de alcaldesa. Así mesmo, temen que o seu novo cargo non beneficie a Burela, censurando a súa “incapacidade” para resolver os problemas locais, as irregularidades administrativas e a falta de orzamentos no municipio, onde aseguran que dedica máis tempo a atacar á oposición que a gobernar.

+ posts

ÚLTIMAS

Pechado o programa de actividades para o 8M da área de Muller do Concello de Lugo

A área de Muller, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo pechou o programa...

O PPdeG reclama a PSdeG e BNG “asumir responsabilidades” por permitir que Tomé siga de alcalde e deputado

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, esixiu ao PSdeG e ao BNG...

O PPdeG non asistirá ao acto do 8M na Deputación de Lugo por mor do “branqueamento” de José Tomé

Os deputados do Grupo Provincial Popular de Lugo anunciaron este martes que non asistiran...

A Rede Museística é a institución de referencia no apoio á creación feminina segundo un informe

informe Las Artistas, aquí y ahora elaborado pola Asociación de  Mujeres en las Artes...