O anuncio dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) sen negociación no Concello de Guitiriz supón un novo aldraxe para os empregados dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) en todo o territorio galego. Consideran que os municipios que serven de base tentan desmantelar o servizo, coa aquiescencia do resto de administracións.
Representados na Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia (Agesga), o colectivo apunta contra os rexedores de Guitiriz e A Fonsagrada (entre outros), ao tempo que denuncia a “pasividade” da Xunta de Galicia, a Deputación, a Federación de Municipios (Fegamp) e a comisión de seguemento dos GES. Falan de “asoballamento” perante a suspensión de emprego que afecta a oito traballadores no concello chairego, o máis recente episodio dun conflito que naceu a comezos da presente lexislatura.
“Hai tres anos –rememoran na Agesga– o Concello da Fonsagrada argallou o mesmo plan para o desmantelamento” do Grupo local, “quedando a zona ao descuberto”. Este sería o obxectivo da alcaldía de Guitiriz, segundo advirten, pois “vén artellando a maneira de desfacerse do GES, deixando os concellos nos que da cobertura desprovistos da resposta inmediata en vinte minutos, como ten establecido a Xunta”.
O pleno municipal de Guitiriz acordou a finais de 2018 renunciar a ser sede do GES, coincidindo coa non resposta do servizo no accidente mortal de Begonte do 25 de novembro. Ningún dos seis traballadores estaba de servizo cando a coordinadora de emerxencias quixo contactar coa base. En total, son oito os empregados en nómina, estando un de baixa e outro afastado polo propio Concello logo dun despedimento nulo.
Funcións alleas aos GES
Consta en Agesga que a comisión de seguemento non tomou medidas tampouco trala “imposición” do ERTE. Como resultado, indican os operarios, os concellos os deixan sen medios e empregan o GES para “peonadas municipais encubertas como emerxencias”. Así, consideran “inxusto” a suspensión de emprego porque “o Concello tivo a opción de dar continuidade ao convenio asinado no mes de decembro por todos os entes colaboradores”.
Agesga observa na Xunta “certa pasividade ante os desmantelamentos silenciosos” no servizo, pois “non se compromete á restruturación noutro concello co mesmo persoal” afectado pola decisión do pleno de Guitiriz. Incluso sinalan que o convenio pactado amplía as situacións consideradas de emerxencia, engadindo “labores de forma abstracta” que non constan entre as funcións do GES.
A indefinición abre a porta a que se repita o acontecido en Castro Caldelas (Ourense), onde se ordeou que o persoal mallara o centeo; ou a perigosa intervención en Ribadavia (na mesma provincia), nun incendio que puido resultar mortal para un dos operarios.
Os traballadores do GES arriscan a vida por menos de mil euros ao mes, constando coma peóns nos contratos laborais. “De todo isto non se recolle categorías, nin outros complementos no convenio”, lamentan na Agesga.