O incerto futuro do GES de Guitiriz

A desconfianza da administración local, que desmantelou progresivamente o equipo, leva agora á renuncia do Concello de Guitiriz a ser a base do GES

Concentración do GES de Guitiriz | CIG
Concentración do GES de Guitiriz | CIG

O futuro do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Guitiriz está no aire. O máis urxente é atopar unha nova base, logo de que Partido Socialista e Converxencia Galega acordaran a renuncia de Guitiriz a ser sede.  En maio, a representación política que sairá dos comicios deberá decidir cales serán as funcións e os medios deste equipo auxiliar, que non respondeu ao accidente mortal de Begonte do pasado 25 de novembro.

Aquel día, o GES de Guitiriz foi solicitado pola coordinadora de emerxencias, mais ningún dos seis traballadores estaba de servizo. En total, son oito os empregados en nómina, estando un de baixa e outro afastado polo propio Concello despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarase a nulidade do despedimento. A Asociación de Grupos de Emerxencias (Agesga) denuncia que a alcaldesa Regina Polín prefira que esta persoa permaneza na casa, sen acudir ao centro no que está contratado.

Inicialmente, o operativo de Guitiriz contaba con doce membros para dar servizo asemade en Friol, Begonte e Xermade. Con todo, as desavenencias entre o Concello e o Grupo levaron a non completar nin renovar o plantel, polos desacordos nas funcións subscritas. Esta é a tónica nos diferentes GES da provincia,  que carecen dos medios –persoal, vehículos e equipamentos para excarceración e incendios– precisos para levar a cabo os labores que xustificaran a súa creación. Así, é habitual que sexan empregados indebidamente para traballos cotiáns dos concellos.

Durante unha intervención no Parlamento de Galicia, o xerente da Axega Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araujo, afirmou que os responsables das administracións locais e provinciais descoñecen as súas obligacións na xestión de emerxencias, valoración que comparten en Agesga. En cambio, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, pediu respectar o labor das alcaldesas e alcaldes que asumen esta competencia “que non é propia, facendo un esforzo financeiro”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here