InicioLugo e contornaLugoCC.OO. esixe a dimisión da edila de Persoal do Concello de Lugo

CC.OO. esixe a dimisión da edila de Persoal do Concello de Lugo

A sección sindical de CC.OO. no Concello denuncia unha "deterioración e descontrol" no funcionamento da área de Persoal, que acumulou nos últimos meses decisións "arbitrarias e irregulares que comprometen a legalidade administrativa e os dereitos do persoal municipal".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Comisións Obreiras (CC.OO.) esixiu a dimisión inmediata da concelleira de Persoal do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, e a apertura dun expediente de depuración de responsabilidades na Xefatura de Recursos Humanos, ao considerar que o departamento atravesa unha “crise sen precedentes” marcada pola “falta de planificación, transparencia e diálogo cos representantes sindicais”.

Este paso en por a liña das protestas emprendidas dos traballadores, que a semana pasada enviaron unhas cartas a Pedro Sánchez, Yolanda Díaz e Ana Pontón para denunciar a súa “situación límite” e ameazar con encerrarse.

A sección sindical de CC.OO. no Concello denuncia unha “deterioración e descontrol” no funcionamento da área de Persoal, que –segundo afirma– acumulou nos últimos meses decisións “arbitrarias e irregulares que comprometen a legalidade administrativa e os dereitos do persoal municipal”.

O sindicato sinala como exemplo máis grave o recente cesamento de persoal interino nunha praza vacante de carácter estrutural, unha decisión que, segundo denuncia, adoptouse “sen causa legal nin informe técnico que a avalase”, vulnerando o Estatuto Básico do Empregado Público. A medida, engade CC.OO., tivo que ser rectificada tras a súa intervención, o que “evidencia unha actuación improvisada e carente de rigor”.

Desde a organización sindical subliñan que este episodio “non é un feito illado”. Aseguran que o departamento dirixido politicamente por González Abelleira e baixo a dirección técnica da xefa da Sección de Recursos Humanos acumula conflitos, deficiencias e falta de coordinación que están “a paralizar a xestión municipal”.

Entre os principais problemas, CC.OO. menciona “o bloqueo” da Relación de Postos de Traballo, a falta de avances na negociación sobre xornada e carreira profesional, os reiterados reparos de legalidade en materia de horas extraordinarias, as carencias en prevención de riscos laborais e a perda de confianza interna no propio servizo.

“GRAVE PERDA DE CAPACIDADE DE XESTIÓN”

“Todo iso reflicte unha grave perda de capacidade de xestión e de responsabilidade política, que está a deteriorar o clima laboral e pondo en risco o normal funcionamento da administración local”, sostén o sindicato.

Ante esta situación, CC.OO. reclama ademais a adopción de medidas urxentes para restablecer o funcionamento normal do Departamento de Persoal, reforzar os mecanismos de control interno e establecer un marco estable de diálogo cos representantes do persoal.

Por último, o sindicato fai un chamamento ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, para que “actúe con responsabilidade institucional e poña fin a unha deriva que está a danar a credibilidade e o bo nome do Concello”.

ÚLTIMAS

A feira de gando do San Froilán no punto de mira: rexeitada a moción do PP para investigala

O Goberno local de Lugo, co voto de calidade do alcalde debido á ausencia...

A Deputación terá 135 millóns máis nos seus orzamentos para 2026

A Deputación de Lugo contará en 2026 cun orzamento de 135 millóns de euros,...

Un operativo contra os locais de lecer nocturno en Lugo remata cun detido e 39 identificados

Un home foi detido por un suposto delito de atentado contra un axente da...

Fernández denuncia o “silencio” sobre a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, denunciou a falta de resposta por parte da...