InicioSociedadeAprobada a licenza urbanística para ampliar as instalacións da protectora de animais

Aprobada a licenza urbanística para ampliar as instalacións da protectora de animais

O alcalde de Lugo insistiu na importancia de que a Xunta de Galicia "formalice canto antes o convenio de financiamento, como xa fixo a Deputación Provincial, para que Lugo conte cun espazo moderno e eficiente para o coidado dos animais".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Concello de Lugo completou este mércores o proceso administrativo necesario para legalizar e ampliar as instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas coa concesión definitiva da licenza urbanística, que foi aprobada nunha xunta de goberno local. Esta resolución supón o paso final para a execución dun proxecto valorado en máis de 517.000 euros, que xa conta con todos os informes técnicos favorables, cumpre cos requisitos legais e ambientais e no que está previsto que cooperen as tres administracións, Concello, Deputación e Xunta.

O plan permitirá dotar ao refuxio de Muxa de novas instalacións, entre elas un edificio de recepción e clínica veterinaria, unha residencia e zona de corentena para gatos, un parque de caniles sectorizado, así como melloras nas áreas de servizo, almacenamento, aparcadoiro e a instalación de paneis solares. O prazo de execución estimado é de 36 meses, con fases que garantirán a continuidade do servizo durante as obras. A portavoz do grupo municipal Socialista, Ana Fernández Abelleira, subliñou que “por fin, despois de moito tempo e grazas á mediación municipal, existe un proxecto viable, solvente e con respaldo técnico; só falta a vontade política para facelo realidade. Lugo e o benestar animal merecen ese compromiso conxunto, á marxe das diferenzas políticas”.

Fernández Abelleira lembrou que o Concello “xa cumpriu a súa parte, dispón da consignación orzamentaria necesaria e acompañou á Protectora durante todo o proceso técnico”. O alcalde insistiu na importancia de que a Xunta de Galicia “formalice canto antes o convenio de financiamento, como xa fixo a Deputación Provincial, para que Lugo conte cun espazo moderno e eficiente para o coidado dos animais”. O Goberno local reitera así o seu compromiso cunha entidade que leva décadas adicándose á atención de animais abandonados, e á que o Concello destinou máis dun millón de euros nos últimos cinco anos. “Este proxecto é unha mostra do noso compromiso co benestar animal e coa colaboración institucional en positivo”, engadiu a portavoz.

ACORDO CO CD LUGO

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a adxudicación do uso do campo municipal José Carballido Cerceda ao CD Lugo SAD, que poderá utilizalo para adestramentos e outras actividades deportivas. O acordo, cunha vixencia inicial de dous anos prorrogables ata dez, permitirá ao clube dispor dun espazo complementario ao estadio Anxo Carro para desenvolver a súa actividade diaria. O convenio establece que o clube asumirá o mantemento ordinario das instalacións e disporá dun seguro de responsabilidade civil. Con esta medida, o Concello reforza a súa colaboración cun dos principais referentes deportivos da cidade e promove un uso eficiente e responsable das instalacións municipais, póndoas ao servizo do deporte e da cidadanía.

Por outra banda, o Goberno local aprobou a declaración de caducidade dunha licenza urbanística concedida en 1992 para a construción dun edificio na rúa Serra de Meira, cuxa obra permanece inacabada. A medida afecta a unha das dúas edificacións autorizadas no seu día e pon fin a un permiso que incumpría os prazos de execución establecidos. Con esta decisión, o Concello de Lugo continúa o seu labor de revisión e actualización de expedientes urbanísticos antigos, co fin de garantir o cumprimento da normativa e evitar situacións de abandono ou inseguridade xurídica.

+ posts

ÚLTIMAS

A moción de Lugo incendia o Parlamento entre acusacións de “compra de vontades”, transfuguismo e “hipocrisía”

A moción de censura de Lugo volveu este martes ao centro do debate político...

Morre un mozo despois de caerlle encima unha tubaxe de 500 quilos

Un mozo faleceu este mércores no municipio lucense de Vilalba tras caerlle encima un...

Pontón aplaude o traballo do BNG no Concello de Lugo e advirte: “Lugo non perdoará aos traidores”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu o labor do tenente de alcalde...