A xunta de goberno local do Concello de Lugo aprobou este mércores unha mellora técnica da plataforma municipal de xestión de Servizos Sociais, cun investimento adicional de 13.358 euros.
Esta ferramenta dixital, que permite a tramitación integral de expedientes asistenciais e a coordinación entre departamentos, foi impulsada inicialmente co apoio da estratexia europea DUSI – Muramiñae, co obxectivo de modernizar a administración local e mellorar a calidade dos servizos públicos.
Segundo explicou a concelleira Olga López, que foi a encargada de presentar os acordos alcanzados na reunión do Goberno, a dixitalización non é un fin en si mesmo, senón unha vía para lograr unha atención máis áxil, eficaz e coordinada. A actualización aprobada reforza esta aposta por un modelo de xestión máis eficiente, dotando ao persoal técnico dunha ferramenta máis completa e interconectada.
Entre as novidades implementadas, a nova versión permite a integración coa sede electrónica do Concello, de forma que os procedementos administrativos poden iniciarse e completarse desde un único sistema. Tamén se melloraron as funcionalidades de firma electrónica, reducindo os tempos de tramitación e mellorando a rastrexabilidade dos expedientes.
Outro avance importante é a depuración automática de duplicidades nos rexistros de persoas usuarias, mediante o cruzamento con datos do padrón municipal e outros sistemas públicos, o que elimina erros e aumenta a eficiencia. Ademais, engadíronse novas ferramentas para a explotación de datos e elaboración de informes estatísticos, claves para a planificación e seguimento da actividade dos distintos servizos da área.
A actualización tamén permite o acceso cruzado á información entre os diferentes equipos profesionais, o que evita tarefas repetitivas e mellora a coordinación, especialmente en casos complexos.
Tamén se lle deu luz verde á licenza para a rehabilitación integral do edificio situado no número 13 da rúa da Cruz, onde se farán catro vivendas e un local comercial baixo o auspicio do PEPRI. Trátase dunha obra que ten un orzamento de 480.000 euros e un prazo de execución de 12 meses.
No capítulo de obras, tamén se adxudicaron os traballos de seguridade viaria nas localidades do rural de Brea, Tirimol; Liñar, Vilachá de Mera, e Calde, por importe de 83.000 euros e un prazo de execución de 4 meses.
Olga López indicou que tamén se aprobou a constitución dun servizo de auditoría que dará soporte ao servizo de intervención para evitar demoras na xestión, “así como transparencia e rigor”, explicou. Tamén se aprobou a substitución de dous membros do tribunal económico administrativo tras a renuncia por motivos persoais dos anteriores. A nova presidenta será Tamara Graña e a secretaria María Luisa Vila.
CEMITERIO DE MASCOTAS
Entre os acordos máis destacados tratados na xunta de goberno por parte do BNG figura a aprobación da ordenanza que regulará o primeiro cemiterio municipal de mascotas de Galicia, un proxecto actualmente en construción xunto ao Cemiterio de San Froilán, tal e como informou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo.
Esta instalación ofrecerá un espazo público, axardinado e digno para o recordo dos animais de compañía, respondendo a unha demanda crecente da cidadanía.
O cemiterio disporá de nichos individuais para urnas, así como dun cinceiro colectivo, e permitirá a realización de actos de despedida ou visitas. As concesións outorgaranse por cinco anos, con posibilidade de prórroga, e o recinto terá o mesmo horario que o cemiterio xeral. “Trátase dunha iniciativa que reflicte a sensibilidade deste Goberno cos vínculos afectivos entre as persoas e as súas mascotas”, subliñou o tenente de alcalde Rubén Arroxo.
En materia urbanística, tamén se deu luz verde á adecuación do novo aparcadoiro público na rúa Rof Carballo, nun solar municipal que xa viña usándose de forma informal para estacionamento. A actuación, adxudicada á empresa Ogalia por 43.076 euros e cun prazo de execución de dous meses, contempla unha pavimentación combinada: formigón puído para accesos e manobras, e céspede armado sobre grava para as prazas de estacionamento. Ademais, axardinarase a fachada cara a cálea San Xillao e mellorarase a drenaxe cun novo sumidoiro.
Doutra banda, no marco da organización anticipada das festas de San Froilán 2025 e 2026, a Xunta adxudicou a contratación das casetas para os postos de venda. Instalaranse 50 casetas en Rodríguez Mourelo, 16 en Puro Cora, 8 en García Portela e 23 na Praza Maior dentro do espazo Gastroarte, cun importe global de 62.878,08 euros. A empresa Xestión de Montaxes Ancares SL será a encargada da montaxe.
“Adiantámonos na planificación para ofrecer unhas festas seguras, ordenadas e de calidade tanto para os expositores.
CRÍTICAS AO PARTIDO POPULAR
Tanto Rubén Arroxo como Olga López criticaron a actitude do Partido Popular, que onte anunciaron a súa intención de abandonar a Comisión de Festas do San Froilán. “O PP leva anos utilizando as festas como ferramenta de confrontación política, en lugar de achegar propostas ou traballar pola cultura da cidade”, lamentou Arroxo, quen subliñou que “o San Froilán é unha festa de todas e todos os lucenses, e quen non quere participar na súa organización está simplemente renunciando a sumar”.
Queixouse o nacionalista de que os populares “abandonan a comisión, non fan propostas e logo critican desde fóra”, e engadiu que “nin colaboran institucionalmente desde o Concello, nin tampouco desde a Xunta de Galicia, cuxa achega segue sendo mínima para unhas festas desta relevancia”.
Na mesma liña pronunciouse a socialista, que acusou o partido da oposición de “boicotear” as festas e avanzou “unha posible programación alternativa como en anos anteriores”.