InicioPolíticaOs novos orzamentos do Estado, máis prestacións e menos infraestruturas en Lugo

Os novos orzamentos do Estado, máis prestacións e menos infraestruturas en Lugo

Os socialistas ven as contas “realistas” e “para as persoas” mentres que a oposición salienta a caída no investimento na provincia de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os socialistas lucenses, a través secretario xeral provincial Álvaro Santos, salientaron o “contido social” do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado presentado este luns polo Goberno. Sinalou neste senso o incremento das pensións –do 1,6 por cento, máis o 3 por cento nas mínimas–, para un total de 117.000 lucenses, o aumento do 60 por cento para dependencia, a recuperación do subsidio por desemprego ou a alza do 22 por cento no salario mínimo, así como a redución do 2 por cento no imposto sobre sociedades.

Pola contra, no Partido Popular consideran que as contas “castigan” a Lugo, a provincia galega con menor investimento con 18,86 millóns das empresas públicas e fundacións e 52,36 do sector administrativo do Estado. O congresista Jaime de Olano asegurou que “o xiro social” consiste en “medidas que aprobara o PP no seu Presuposto para 2018”, en partidas para o salario dos funcionarios ou na violencia de xénero.

O tamén deputado popular Joaquín García citou un descenso do 35 por cento no orzamento para infraestruturas viarias, que “abocan á paralización” da A-54, diminúen a contía da A-74 e da A-56.

No Bloque Nacionalista Galego, a parlamentaria Olalla Rodil entende que existe “un agravio” para a provincia, acusando aos representantes socialistas no Congreso dos Deputados de ser “sucursais da política do Estado”. Rodil subliñou que a falta de compromiso co ferrocarril implica “que non vai contar con orzamento para a súa modernización”. No Bloque entenden que a redución do investimento é “insultante” tendo en conta “a precariedade social e laboral, a emigración e o posíbel peche de empresas” en Lugo.

Dende En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello criticou a “falta de compromiso coa precaria liña da antiga FEVE […] que non recibe ningún euro a pesar das denuncias de deficiencias”. O deputado no Congreso por Lugo advertiu de que os orzamentos limítanse ao mantemento e non inclúen cambios na liña Ferrol-Ribadeo. Aliás, valorou os cinco millóns de euros para solucionar os problemas da néboa na A-8. “É preciso que o grao de execución sexa íntegro”, expón.

Tren Lugo-Madrid en menos de catro horas para 2020, un prazo realista?

ÚLTIMAS

CCOO denuncia a situación da xestión do persoal no Concello de Lugo con cartas a Sánchez, Díaz e Pontón

A Sección Sindical de CCOO no Concello de Lugo presentou este mércores na Subdelegación...

Investigan a morte da muller arremetida por unha vaca no San Froilán

O falecemento dunha muller tras ser arroiada por unha vaca durante o desfile de...

Lugo recibirá 15 menores migrantes da cota distribuída polo Goberno

A cidade de Lugo acollerá a un grupo de 15 menores migrantes da cota...

Rede Museística Provincial, un modelo de xestión que democratiza a cultura e o acceso a ela

A xerente da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL), Encarna Lago, advirte ao respecto da...