InicioPolíticaRueda ratifica a creación do edificio con 50 aloxamentos compartidos para mozos...

Rueda ratifica a creación do edificio con 50 aloxamentos compartidos para mozos na rúa Illa Coelleira da cidade de Lugo

Estará destinado a menores de 36 anos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Lugo cidade e a provincia centraron este luns a reunión semanal do Executivo autonómico, que tivo lugar na cidade da muralla e estivo presidida, como é habitual, polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Ao termo do Consello, Rueda fíxose eco de varios acordos e actuacións en distintas áreas, moitas delas de proxectos en curso, que dan un paso adiante. Entre elas, ratificou a creación en Lugo dun proxecto de aloxamentos compartidos en réxime de aluguer para menores de 36 anos que se construirá na rúa Illa Coelleira.

Así, o Goberno autonómico deu luz verde á licitación do proxecto, por valor de 305.000 euros, para a construción de 50 destas pequenas vivendas, seguindo o exemplo doutras cidades. En materia de Sanidade, centrouse na aprobación dos proxectos de obra para a reforma integral do Centro de Saúde da Milagrosa, que ten un orzamento de 3,2 millóns de euros, así como os 4,8 que se destinarán ao do barrio do Sacro Corazón, unha vez se chegue a un acordo co Concello. Dentro das propostas desta consellería, tratouse tamén a construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla, por un valor de 1,7 millóns de euros.

Outros proxectos en curso aos que se lle deu luz verde para unha nova fase nesta reunión do Goberno, que xa pasou nos últimos meses por outras localidades fóra de Santiago, foi a construción dun aparcadoiro disuasorio na Rolda Fontiñas ou as obras de remodelación dos centros de maiores das Gándaras e A Milagrosa. Tamén para os maiores anunciouse a licitación da xestión da nova residencia da terceira idade en Antas de Ulla.

No ámbito cultural e educativo, Alfonso Rueda anunciou un plan de actuación e conservación sobre a Muralla de Lugo cun montante anual, así como a renovación da acreditación de campus de especialización para o Campus Terra. A remodelación dos xulgados de toda a provincia, as axudas en materia de turismo, os investimentos na xestión da auga en varios concellos ou a ampliación do polígono industrial en Palas de Rei foron outros dos anuncios de Rueda.

O ALCALDE DE LUGO CUALIFICA DE “DECEPCIÓN” OS ANUNCIOS DE RUEDA

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, cualificou de “absoluto agravio e de total decepción para a cidade de Lugo” as medidas anunciadas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O rexedor recalcou que “practicamente non hai nada novo nos anuncios realizados polo presidente da Xunta, e asegurou que botan en falta “un compromiso real e efectivo cos proxectos estratéxicos” para o municipio.

O rexedor lucense fixo unha comparativa cos 9 millóns comprometidos pola Xunta para Ferrol, no Consello celebrado alí e asegurou que “esperabamos que os investimentos para plans estratéxicos chegaran dunha vez a Lugo, algo que non se produciu”. Sobre o convenio para a construción dun aparcadoiro disuasorio en Fontiñas afirmou que “os investimentos son benvidos”, pero indicou que “non son suficientes para o barrio”.

Reclamou, pola contra, partidas para finalizar o corredor Nadela-Sarria; intervir de maneira inmediata na Calzada das Gándaras “para que o Plan Paradai cumpra os seus obxectivos”; unha “implicación auténtica e tanxible” co Museo da Romanización ou “verdadeiros avances na recuperación e posta en valor do barrio da Tinería”.

“Os investimentos anunciados para Lugo son claramente insuficientes”, insistiu o rexedor municipal, quen matizou que un exemplo da “mala política” da Xunta é que “por unha parte, anuncia un proxecto de aloxamentos compartidos para menores de 36 anos nun edificio de Lugo, algo que parece acertado; pero por outro non saca adiante unha nova convocatoria para actuar nos barrios da Milagrosa e Feijóo, onde se concentran 1.025 edificios, dos que 931 teñen uso residencial, o que supón máis do 90 % do parque inmobiliario desta zona”.

Tamén reclamou que non se avanzase noutros proxectos nos que “levan tempo traballando” e para os que esperaban “certo progreso”, entre eles citou as prazas de aparcadoiro na avenida Vilaverde e o futuro canil no Parque dos Paxariños“. Neste aspecto, Fernández Méndez lembrou a “falta de investimentos de peso” e de acordos para reverter á cidade os 15 millóns de euros correspondentes ao cobro do canon da auga. “Non puido ser máis decepcionante. Espero que o presidente Rueda acceda a concederme a reunión de traballo que lle propuxen hai semanas para poder abordar persoalmente todos estes asuntos”, concluíu.

“A historia de lealdade da Xunta de Galicia con esta cidade fainos desconfiar”, sinalou, en relación coa promesa de Feijóo no último Consello da Xunta celebrado en Lugo, “cando se comprometeron ata 4,7 millóns de euros para a construción de senllas peonís, ciclistas e aparcadoiros disuasorios”. “De todo aquilo, hoxe seguimos esperando, a excepción do aparcadoiro de Avenida de Breogán, que por certo, aínda hoxe está sen abrir”, esgrimiu.

RETOS PENDENTES

Pola súa banda, o portavoz do BNG e tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reclamou tamén ao Goberno da Xunta “que asuma os retos pendentes que ten coa cidade desbloqueando cuestións que levan anos pendentes, como o barrio da Tinería e avanzar na mellora dos espazos públicos, garantindo a protección do parque do Momento. Tamén pediu ao Goberno autonómico “que asuma as competencias” que cobren os concellos, “o que supón un gran esforzo tanto económico e administrativo”, como as escolas infantís de 0 a 3 anos, nas que o Concello de Lugo realiza un investimento anual superior a 1,5 millóns de euros; ou os comedores escolares, “outra cuestión que a Xunta deixa en mans dos concellos”.

Rubén Arroxo pediu á Xunta avances no futuro uso do espazo da Estación de Autobuses unha vez que finalicen as obras da Intermodal, lembrando a proposta do Gran Parque Central de Lugo proposto polo BNG. Arroxo propuxo a creación “dun paso enterrado para vehículos” que una as rúas Dinán e Ángel López Pérez “eliminando na práctica o tráfico rodado”, o que permitiría contar “cun novo espazo peonil de máis de 27.000 metros cadrados, case 3 hectáreas en total nun gran espazo peonil que comeza na propia Muralla”.

ÚLTIMAS

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia celébrase en Lugo por primeira vez como Ben de Interese Cultural

A cidade de Lugo acolle este domingo, 29 de xuño, unha nova edición da...

A Fiscalía pide 20 anos de prisión para un home acusado de violar dúas veces a unha muller en Lugo

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá os días 3 e 4 de xullo o...

Os senadores do PP por Lugo reclaman explicacións ao Goberno central polo rexeitamento de axudas ao proxecto de Altri

Os senadores do PP por Lugo piden explicacións ao Goberno central sobre "o trato...

Tomé dá por resolta a crise no PSOE de Lugo: “Foi unha situación insólita”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deu por resolta a crise no PSOE...