InicioLugo e contornaLugoO PP alerta de carencias no parque de bombeiros local de Lugo...

O PP alerta de carencias no parque de bombeiros local de Lugo en persoal

O portavoz popular do grupo, Antonio Ameijide, considera que estas carencias impiden "garantir a operatividade do servizo"

PUBLICADA O

- Advertisement -

O grupo municipal do Partido Popular de Lugo alertou de “falta de efectivos” e dunha estrutura de mando estable e reforzada para dar cobertura a baixas, vacacións e permisos, no parque municipal de bombeiros de Lugo.

O portavoz popular do grupo, Antonio Ameijide, considera que estas carencias impiden “garantir a operatividade do servizo”.

Estas declaracións foron realizadas polos concelleiros do PP despois dunha visita ao parque, situado en Garabolos, onde explicaron que o sarxento xefe atópase de baixa médica de longa duración e só hai un cabo por quenda, “polo que cando está de baixa ou permiso, a estrutura de mando desaparece ou hai que cubrir con outros efectivos dobrando quenda”.

Ante esta situación, os populares reclaman, entre outras medidas, unha revisión urxente da Relación de Postos de Traballo (RPT) para reforzar a escala de mandos e para iso suxiren que se cre unha figura adxunta ao sarxento xefe e estúdese a posibilidade de duplicar os mandos intermedios. Ademais, demandan unha substitución “efectiva e estable” do sarxento xefe.

Entre outras medidas que propoñen a populares figura o reforzo do servizo “adiantándose ás baixas que poidan ser previstas, xubilacións e novos destinos dos actuais bombeiros” e a creación dunha praza de administrativo. Finalmente, conclúen a necesidade de realizar melloras nas instalacións, incluíndo medidas inmediatas ante a legionela e o control de pragas.

Ameijide explicou que na actualidade, segundo a relación de postos, o servizo debería contar con 56 efectivos (un sarxento, 5 cabos e 50 bombeiros), pero que hai nove vacantes, xa que ademais do sarxento hai tres con permisos de paternidade, ademais de 10 que están como interinos, “polo que poderían deixar Lugo en calquera momento se acceden a unha praza noutro destino”. Engade que, hai 41 bombeiros en activo, “aínda que un pode xubilarse xa este mes”.

O concelleiro popular lamentou que a “única resposta” que recibiron do equipo de Goberno sobre a situación dos bombeiros foi dicirlles que “levamos poucos meses gobernando”, ao que rebateu dicindo que levan 26 anos no poder. “A realidade é que sobran escusas e falta xestión”, concluíu Ameijide.

Por último, criticou a “improvisación do goberno local” ao que acusou de reaccionar “só cando hai control do PP”. Puxo como exemplo cando levaron a pleno unha pregunta sobre a cobertura da praza de sarxento xefe, “ese mesmo día informábase nun medio de comunicación o nomeamento provisional de Óscar Freire por tres meses como sarxento xefe”. O popular cualificou esta medida como “un parche, non unha solución” e engadiu que seguen sen ter acceso ao decreto que oficializa ese nomeamento.

+ posts

ÚLTIMAS

Presentado o proxecto para crear oito novas rotondas de cara a axilizar o tráfico en Lugo

O primeiro tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, fixo público o proxecto de...

Rueda defende a moción en Lugo entre acusacións de “comprar poder” e “incumprir” os estatutos do PP

A sesión de control do Pazo do Hórreo anticipou este martes o guión que...

Abre a estrada que conecta Vilalba e Chavín pola Balsa despois de arranxar unha ponte

A Deputación vén de reabrir ao tráfico a estrada LU-P-6502, que conecta Vilalba e...

Case 20 actividades no Arde Lvcvs Cvltvral para celebrar o 25 aniversario da festa

O Arde Lvcvs Cvltvral despregará este ano unha programación con preto de 20 actividades...