InicioPolíticaO PP denuncia que Puente "dá por descartadas" as variantes e a...

O PP denuncia que Puente “dá por descartadas” as variantes e a lanzadeira ferroviaria entre Lugo e Ourense

Os populares sosteñen que "o propio Goberno de España en resposta oficial corrixe o anuncio que fixo o ministro Puente durante unha visita á cidade de Lugo" e recoñece que "a variante da Pobra de San Xillao supón unha posible mellora significativa nos tempos de viaxe".

PUBLICADA O

- Advertisement -

PP de Lugo denunciou que o ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, dá por descartado que Lugo teña as variantes dos Peares-Canabal e Rubián, que permitirían reducir os tempos de viaxe, nin lanzadeira a 200 quilómetros por hora entre Lugo e Ourense. Así o aseguraron este venres os senadores do PP lucense, que sosteñen que así se desprende da resposta oficial “por escrito” do Goberno ás preguntas dos representantes do PP de Lugo na Cámara alta, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano.

Os populares sinalaron que “o ministro Puente dixo en sede parlamentaria que non descartaba as variantes da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, pero na resposta oficial as dá por descartadas” tendo en conta que “só se refiren as obras que se están levando a cabo actualmente na liña: mellora da plataforma, vía, electrificación e outras instalacións”. Do mesmo xeito, en relación ao anuncio da lanzadeira entre Lugo e Ourense a 200 quilómetros por hora para conectar coa alta velocidade, sinala que a resposta oficial remite ás obras na liña e aos servizos dispoñibles, pero non ofrece ningún tipo de previsión sobre a posta en marcha deste servizo.

Os populares sosteñen que “o propio Goberno de España en resposta oficial corrixe o anuncio que fixo o ministro Puente durante unha visita á cidade de Lugo” e recoñece que “a variante da Pobra de San Xillao supón unha posible mellora significativa nos tempos de viaxe”. Os populares sinalan que “o actual trazado non permite aos trens alcanzar velocidades superiores aos 160 quilómetros por hora” polo que sosteñen que sen as variantes proxectadas polo Goberno de Rajoy e presentadas polo Ministro Íñigo de la Serna en 2018, non será posible conectar a provincia de Lugo coa alta velocidade.

Tamén denunciaron que “de novo Lugo sexa a única provincia da contorna que queda fóra da alta velocidade” censuraron o “illamento” ao que o Goberno de Sánchez, “con consentimento do PSdeG e do BNG, compromete á provincia de Lugo en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias”. Ademais, o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, lembrou que “a estación de Canabal é unha estación que, no seu momento, tivo moita actividade”. “Paraban 12 trens diarios e hoxe Ponferrada-Vigo e Vigo-Ponferrada, tren diario. Pero estamos nun punto que cada vez perde máis servizos e non hai comunicacións para poder coller o AVE en Ourense”, denunciou.

O rexedor popular sinalou que a pesar de que se fixeron uns investimentos importantes “a realidade é que non se gañou nin un minuto no percorrido” e que as avarías “son habituais”. “Onte mesmo houbo unha incidencia e todos os viaxeiros que tiñan que pasar pola estación tiveron que ser desviados en autobús”, indicou o rexedor, que pediu “que as melloras sexan efectivas e que leven beneficios, e non ao revés”.

ÚLTIMAS

Investigan unha concentración ilegal de 200 vehículos e unhas 400 persoas en Outeiro de Rei

A Garda Civil investiga a catro persoas vinculadas cunha multitudinaria concentración ilegal de vehículos...

Catro investigados por unha concentración ilegal con 200 vehículos e unhas 400 persoas reunidas en Lugo

A Garda Civil investiga a catro persoas vinculadas cunha multitudinaria concentración ilegal de vehículos que tivo lugar en...

O Gran Premio de España de Motocrós traerá a Lugo aos mellores pilotos do mundo por segundo ano consecutivo

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este xoves na presentación do...

O TSXG confirma 10 anos de cárcere a un home que violou a unha moza de 14 anos en Lugo, pero triplica a indemnización

A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a sentenza da sección segunda...