InicioLugo e contornaLugoO PP de Lugo di que as obras de Adif en Oural...

O PP de Lugo di que as obras de Adif en Oural “non son alta velocidade nin permiten velocidade alta”

O PP de Lugo denunciou este mércores o atraso "de tres anos" nas obras de Adif en Oural, e advertiu de que "non son nin alta velocidade nin van permitir velocida alta".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O PP de Lugo denunciou este mércores o atraso “de tres anos” nas obras de Adif en Oural, e advertiu de que “non son nin alta velocidade nin van permitir velocida alta”.

Os deputados e senadores electos por Lugo en xullo pasado criticaron ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que tivese “a ousadía de afirmar que os traballos van a bo ritmo” e incidiron en que os traballos non só acumulan atrasos senón tamén “recortes”.

Os ‘populares’ subliñaron que as obras foron prometidas en 2020 e, ademais, a velocidade dos trens Ourense-Lugo, con estes traballos, será de 160 km/h, “moi por baixo das velocidades que alcanza un AVE e tamén por baixo das velocidades máximas do Eixo Atlántico”.

Por iso, volveron a esixir a inclusión de Lugo na Alta Velocidade, “para superar a discriminación da provincia” por parte do Goberno de Pedro Sánchez, e lamentaron que a “herdanza” deixada polo Executivo de PSOE e Podemos nos últimos anos en materia de infraestruturas é “unha herdanza que Lugo non merece”.

Así, advertiron de que “só se Alberto Núñez Feijóo é o próximo presidente do Goberno” a provincia de Lugo “deixará de ser a ovella negra no que a infraestruturas se refire”. “Pola contra, o illamento e o castigo aínda serán maiores”, sentenciaron.

Segundo denunciaron, o Goberno de Sánchez illou “Lugo, prexudicando a calidade de vida dos seus habitantes” e “lastrando” o desenvolvemento e competitividade da provincia. Respecto diso, apuntaron que este Executivo en funcións “decidiu de forma unilateral impedir que a provincia de Lugo poida estar conectada por AVE co resto de España (…) ao suprimir as variantes de Rubián e Cadabal-Os Peares”.

Por outra banda, incidiron en que, en 2018 con Íñigo de la Serna como ministro, presentouse un proxecto de alta velocidade para rebaixar o tempo de viaxe a Madrid, e os socialistas “só tiñan que levalo adiante”. Ese plan prevía un investimento de 283 millóns de euros e definía varias alternativas para o AVE.

Con todo, explicaron desde o PP, o Goberno de Sánchez reduciu o orzamento ao ano seguinte nun 65 % para a renovación das variantes entre Monforte e Lugo, e nun 27 % para a electrificación dese tramo. Dese modo, o proxecto foi quedando fóra dos Orzamentos Xerais do Estado, e o Goberno rexeitou as emendas propostas polos ‘populares’ para “minimizar o agravio”.

+ posts

ÚLTIMAS

As XXXVII Xornadas Luis Asorey analizarán os potenciais terapéuticos dos recursos naturais

  O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá do 9 ao 19...

O Concello de Lugo reúne a comisión mixta sobre o saneamento da rúa Fermín Rivera

O goberno local quere coñecer en que punto se atopa o proxecto de saneamento...

O Concello de Lugo e as asociacións do Arde Lucus levarán a recreación histórica da festa á feira INTUR de Valladolid

Concello de Lugo levará o Arde Lucus á 29ª edición de INTUR, a Feira...

A Deputación participa na nova reunión da veciñanza do Courel arredor da castaña

  A Deputación de Lugo participou este sábado na XXXVII Festa da Castaña do Courel,...