A Asociación de Persoas Usuarias da Escola Municipal de Música (AUESMU) convoca a persoas usuarias, profesorado, grupos políticos e demais persoas interesadas a participar nunha asamblea aberta este martes 6 de novembro. O motivo da cita é a situación “inestable” do servizo público como consecuencia das últimas decisións xudiciais.
A xuntanza pretende dar información á comunidade educativa acerca de cal pode ser a deriva da Escola. “É necesario que o goberno municipal, a dirección e todas as persoas formamos parte da Escola Municipal de Música unamos esforzos de cara a preservar este centro formativo e o seu funcionamento exemplar”.
Será ás 19.00 horas, no salón de actos do centro social Uxío Novoneyra. Dende AUESMU explican que están “dispostos a traballar” por manter o actual modelo público da Escola Municipal de Música. A Asociación indica que é “preocupante” que a seguridade laboral do persoal docente estea en perigo pola xestión indebida do Concello das “cuestións administrativas e laborais pendentes de resolver”.
“Funcionamento exemplar” e “implicación”
Esta desatención, sinalan, contrasta co “funcionamento exemplar” da institución de ensino e a “implicación” do profesorado. Argumentan os usuarios que “non é admisible” que continúen os problemas administrativos despois de seis anos en funcionamento, problemas que “agora, por resolución xudicial, poñen en serio perigo o futuro da Escola Municipal de Música de Lugo”. Achacan esta inquedanza á “deixadez do equipo de goberno”.
Así, lembran en AUESMU que solicitaran en febreiro unha entrevista coa alcaldesa Lara Méndez, logo de trascender a desestimación do recurso presentado polo Concello de Lugo relativo á invalidación da Relación de Postos de Traballo. A modificación plantexada polo executivo local, e tombada pola xustiza, pretendía que membros da Banda Municipal puidesen impartir clases na Escola.