O xestor de procesos e médico do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), Antonio Fernández, observou que “a pesar de ter un bo sistema” e non ter problemas diferentes aos que teñen outros países, “como poden ser Reino Unido, Canadá ou Australia”, destacou que os profesionais da sanidade pública “como sanitarios funcionan moi ben, pero non tanto como empregados públicos”.
Para o médico chantadino, existen “vicios” e “problemas estruturais imposibles de erradicar a curto prazo” que dificultan o correcto funcionamento do sistema.
Por unha banda, sinalou a tardanza á hora de atender aos pacientes. “Ninguén ten que esperar tres anos para que o vexa un especialista, pero si máis dun, e é difícil de explicar este atraso se miramos os datos oficiais”, puntualizou Fernández.
As cifras que os políticos, “sexan do partido que sexan”, fan públicas non son falsas, reflexionou, “pero si inducen ao engano”. Así, Fernández detallou que existen unhas “longas listas de espera para aqueles problemas que non parezan urxentes ou graves”.
É aquí onde o médico lucense atopa un claro problema de “transparencia” á hora de explicar os tempos de espera reais, xa que “se unha persoa ten que esperar un ano a que a vexan e nos datos dise que a espera media é de seis meses, a media son seis meses, pero non o tempo real que vai ter que esperar”.
Outro dos problemas fundamentais que ve no sistema é “o atraso co que chegan as últimas tecnoloxías”. Exemplifica o doutor lucense co caso da tecnoloxía DaVinci, un sistema que, apuntou, “en Francia usan desde fai máis dunha década e aquí desde hai dous anos”.
LISTAS DE ESPERA
Máis aló dos problemas de “transparencia e atraso tecnolóxico, así como a falta de persoal” que cre “é puntual, pero grave”, o xestor de procesos do HULA fala de “vicios adquiridos”.
O primeiro, continuou, é que “os responsables políticos non son claros á hora de explicar os tempos de espera” e, o segundo, que “cando se fala de listas de espera longas, a xente tenta saltarllas”.
Sobre isto, lamentou que algúns usuarios cando ven o tarde que serán atendidos polo sistema público “buscan a forma máis eficaz de saltalo: falando cun amigo, pedindo cita na privada coa esperanza de que o vexan na pública antes, protestar moito para ver se lles fan máis caso que a outros“. “Este é un vicio que fai que a equidade desapareza”, recoñeceu.
Para o experto, a solución pasa por elaborar un plan a sete ou dez anos “investindo máis, formando máis médicos e homoxeneizando a súa formación“.
Con todo, mentres non chega, o chantadino aposta por “parches que eviten facer grandes danos”, algo no que sinala directamente como responsables a todos os traballadores públicos: “Como sanitarios cumprimos moi ben, pero non tanto como empregados públicos”. Unha condición que, na súa opinión, “esixe facilitar os dereitos a todos os usuarios”.