InicioEconomíaA Deputación de Lugo dá luz verde ao Plan Único coa abstención...

A Deputación de Lugo dá luz verde ao Plan Único coa abstención do PP

Os populares critican que "hai reparticións a dedo onde ven moi prexudicados os concellos pequenos".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pleno da Deputación de Lugo sacou adiante cos votos dos socios de goberno, PSOE (10) e BNG (3), e a abstención do PP (12), o Plan Único, un plan de investimentos nos 67 municipios da provincia, por un importe de 21,5 millóns de euros.

O presidente provincial, o socialista José Tomé, confesaba antes de entrar na sesión plenaria que estaba “moi contento”, xa que o mes pasado levaron a pleno o orzamento e, por tanto, “hai orzamento aprobado para 2023 e agora para que os concellos teñan o maior tempo posible para poder desenvolver o Plan Único convocouse antes de concluír o ano”.

Ademais, Tomé avanzou que “despois destes días festivos publicarase no Boletín Oficial da Provincia e os concellos poderán aproveitar todo o 2023 para poder desenvolvelo”.

“Antes isto non se facía porque se publicaba no mes de abril ou maio, co cal, quedaba moito menos tempo para desenvolvelo. É unha excelente noticia”, celebrou.

Do mesmo xeito, a vicepresidenta da Deputación, a nacionalista Maite Ferreiro, resaltou que “este goberno provincial demostra o compromiso para que este plan estea a disposición dos concellos desde principios de ano”.

“Cremos que é importante, nun ano en que o mandato vai ser un pouco máis curto porque pode haber cambios, os concellos van poder pensar desde principios de ano en que van investir”, esgrimiu Ferreiro.

O PP, ABSTENSE

Por parte do PP, o portavoz provincial, Javier Castiñeira, puntualizou que non é o Plan Único que querían nin o que se lles prometeu cando comezou a lexislatura porque “se dixo que se ía a subir un 25 por cento e hoxe teriamos un plan con 25 millóns de euros e non con 21,5 millóns”.

No entanto, avanzaba que se ían a abster para, seguidamente, denunciar que “a estratexia e dinámica da repartición debe de cambiar”. “Non deben ser os alcaldes dos concellos grandes os que impoñan a estratexia na Deputación de Lugo”, censurou.

Ademais, incidiu en que “non é só a repartición do Plan Único, senón que despois hai reparticións a dedo onde ven moi prexudicados os concellos pequenos”.

Así, continuou, “de máis de cinco millóns de euros que se repartiron nos despachos no 2022, 4,9 millóns foron para 30 concellos gobernados polo PSOE e BNG e só 100.000 euros para o resto dos 37 concellos gobernados polo PP”. A pesar destas críticas, os populares abstivéronse.

ÚLTIMAS

Os túneles de Doncos e Cereixal, na A-6, permanecerán cortados durante tres noites esta semana por obras

O Ministerio de Transportes realizará cortes de tráfico durante as noites deste martes, mércores e xoves...

O TSXG suspende de forma cautelar as autorizacións para construír tres parques eólicos en Lugo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou a suspensión, de forma cautelar, das autorizacións...

A Deputación de Lugo desbrozará 4.200 quilómetros de estradas en mes e medio

A Deputación de Lugo comezou este luns os traballos de roza nos máis de 4.200 quilómetros de...

Detido un mozo en Lugo acusado de roubo ao ser sorprendido no interior dunha vivenda e encapuchado

Un mozo foi detido en Lugo sorprendido mentres, supostamente, roubaba nun domicilio particular do...