A Deputación de Lugo retoma este martes a segunda edición do programa de viaxes gratuítas ‘Coñece a túa provincia’ con viaxes á Mariña e á Ribeira Sacra.
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deu a benvida este martes á Asociación de Santa Comba de Órrea (Riotorto) no Pazo de San Marcos; e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recibiu á Asociación de San Martiño de Río (Láncara) no Mazo de Santa Comba.
Os de Riotorto viaxan á Ribeira Sacra, onde comezaron o percorrido nunha adega de Amandi, visitaron un miradoiro para contemplar o Canón do Sil e navegaron polo río nun dos catamaráns da Deputación de Lugo. Os veciños de Láncara, pola súa banda, visitaron o Fuciño do Porco e a praia da Abrela, no Vicedo, a área etnográfica da Ínsua, a praia viveirense de Covas e a fervenza do Xestosa, en Ourol.
Este mércores, a asociación veciñal de Cela Ponche de Neira, do Corgo, parará nas instalacións da Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo, antes de continuar a súa viaxe ata A Mariña. O xoves, veciños de San Cosme de Nete (Vilalba) e de Santa Cruz de Viana (Chantada) serán os protagonistas do ‘Coñece a túa provincia’ con viaxes aos concellos de Sober e Monforte no primeiro caso, e Xove e Viveiro no segundo. Finalmente, o venres, o colectivo de San Pedro Fiz da Cazolga, de Lourenzá, visitará O Saviñao; e os veciños das Candeas, de Pantón, coñecerán Barreiros e Ribadeo.
En total son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan xa cos seus reservas para viaxar polo territorio no outono, desde este martes e ata o mes de novembro. Preto de 1.800 persoas de máis de 85 entidades sen ánimo de lucro xa se beneficiaron na primavera desta iniciativa provincial.
CENTRO MULTIUSOS DE CASTROVERDE
Por outra banda, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomei Roca, anunciou este martes en Castroverde que a institución provincial destina máis de 325.000 euros a este municipio para que poida acometer a mellora e ampliación do Centro Multiusos, unha actuación grazas á que contará cun espazo público “moito máis amplo, acondicionado e adecuado para pór a disposición do tecido asociativo, e para desenvolver actividades culturais e de lecer”.
José Tomei asinou co alcalde, Xosé María Arias Fernández, un convenio de colaboración a través do que a Deputación achegará ao Concello 307.500 euros para acometer as obras, e, ademais, a institución asume previamente os máis de 17.500 euros do custo da redacción do proxecto técnico.
José Tomei Roca subliñou que a achega que fai a Deputación a través do acordo asinado supón a metade do orzamento total necesario para acometer as obras. O resto do financiamento corre a cargo do Concello de Castroverde.