O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, reclamou ao Goberno central “información detallada” sobre o ocorrido no esborralle do viaduto da A-6, no limite entre as provincias de Lugo e León. Así, López pide “máis información” e “cales van ser os prazos que se poden prever para que esta obra se faga da forma máis rápida posible”, aínda que destaca que a prioridade é “a seguridade”.
O empresario lucense avisa de “a treboada perfecta“, xa que “Lugo ten unha desconexión histórica doutros territorios”. Remarca que a A-6 é “a infraestrutura máis importante para Lugo e A Coruña de conexión coa meseta para o tráfico de mercadorías e de persoas”. “Estamos ante unha situación moi complicada coa crise que temos”, advirte.
O secretario da patronal lucense afeou, en canto a infraestruturas, que Lugo non conte con AVE, ao que suma a desconexión coa capital galega de Santiago. “Hai obras para a mellora do tren e a súa electrificación, pero imos cara a un horizonte moi afastado para poder ter un tren que sexa competitivo”, quéixase. “Tampouco temos conexión con Santiago, o que parece incrible a estas alturas, e o da A-6 é preocupante”, sentenciou.
PROBLEMAS PARA Os CAMIONEIROS
Con respecto á caída da ponte na autovía, o vicepresidente Asociación de Transporte Discrecional de Mercadorías por Estrada (Tradime) de Lugo, José Fernández, asegurou que este incidente “alonga os tempos” e encarece oa portes para os camioneiros.
E é que se prolongan os tempos “ata media hora, tendo en conta o acceso a Pedrafita que é por unha pendente bastante pronunciada dun 10% ou 12%, e logo a rotonda para acceder a Pedrafita”. “Se temos en conta que temos o tacografo que nos limita as horas de condución, iso vai provocar atrasos“, avisou.
En canto ao consumo de combustible Fernández sinalou que “o tramo non é liso, nin chan e o acceso a Pedrafita por esa pendente que hai antes do túnel e polas rotondas, nalgún punto deses un camión cargado pode ter un consumo do 150 por cento”. “Cando viamos a luz á saída do túnel, que falaban de abrir o tramo no verán, pasou isto”, lamentaba finalmente.