InicioLugo e contornaUnha parella de ucraínos que vive en Lugo mobilízase para sacar a...

Unha parella de ucraínos que vive en Lugo mobilízase para sacar a súa familia da cidade asediada de Jersón

Monbus informa de que colaborará co transporte das doazóns realizadas por centos de lucenses

PUBLICADA O

- Advertisement -

Unha parella de ucraínos que residen en Lugo desde hai 18 anos quere sacar á súa familia da cidade de Jersón, de case 300.000 habitantes, tomada polas tropas rusas. Alina Mulyk asegurou que esa cidade “está rodeada de soldados rusos que non deixan saír nin entrar camións con axuda humanitaria”, polo que “a xente está moi desesperada”.

Ademais, tampouco se fía dos corredores humanitarios, que non respecta Rusia ao estar a atacar a poboación civil. “Hai outras cidades onde se fan corredores pero dispáranlles os soldados rusos. Mataron unha familia con dous nenos, outra nena quedou sen pernas. É ben triste, non cumpren as promesas que poderían salvar vidas”, clama entre bágoas.

Alí, en Jersón, ten á súa nai, ao seu sogro, a un cuñado coa súa muller que xa ten un neto que se alistou no exército ucranio na cidade de Kiev, ademais de curmáns e outros familiares. Alina relata como, “a pesar de que a xente ten moito medo, son valentes porque o sábado e o domingo saíron con bandeiras de Ucraína e cantando o himno”, a pesar da alta presenza militar de tropas rusas.

Esta familia que reside en Lugo desde hai case vinte anos quere sacar a todos os seus parentes de Jersón e traelos á cidade amurallada, o que se antolla “complicado” porque non se respecta o cesamento do fogo nos corredores humanitarios. Ao longo da fin de semana dedicáronse na cidade a recoller medicamentos, roupa e alimentos para trasladar a Ucraína.

Alina Mulyk aproveitou para dar as grazas a todos os lucenses pola súa “solidariedade” despois de recompilar medicamentos, “cousas de primeira necesidade”.

Remarca que no seu país nesta época “están a nacer moitos nenos, entón precísanse cueiros, biberóns, leite e roupa” para os máis pequenos. “A xente en Lugo respondeu moi ben, pero agora atopámonos con problemas para o transporte. Vaise priorizar mandar medicamentos e comida que se recolleron a fin de semana”, puntualizou.

Finalmente, avanzou que se volverá facer outra “recollida” en Lugo, aínda que haberá que “agardar un par de días”, para asegurarse de que poderán “mandar ese material”.

COLABORACIÓN DE MONBUS 

Sobre ese transporte, Monbus informa de que se encargará de levar as doazóns realizadas polos lucenses ao momento de recollida en Vilagarcía (Pontevedra), desde onde saen camións rumbo a Polonia.

E é que centos de lucenses levaron doazóns ata o punto de recollida situado na rúa Emilia Pardo Bazán, desde onde a comunidade ucraína en colaboración coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA) recolle material e envíao ata a fronteira con Polonia.

Monbus colaborará coa causa co envío de axuda na loxística do traslado destes materiais esenciais, entre os que se atopan medicamentos, material sanitario, mantas, comida e cueiros, principalmente.

“A asociación víase con moita dificultade para trasladar as doazóns ata o punto de recollida da localidade de Vilagarcia de Arousa, desde onde varios camións porán rumbo a Polonia. Ata agora, transportábase todo en coches particulares, facendo máis lento e dificultoso o proceso”, explica Monbus.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...