InicioPolíticaO PP de Lugo sinala ao PSdeG como rival a bater e...

O PP de Lugo sinala ao PSdeG como rival a bater e chama a incorporar independentes

A presidenta dos populares lucenses, Elena Candia, estableceu na Xunta Directiva os dous eixos da campaña: ataque aos concellos socialistas e cordón sanitario con Ciudadanos

PUBLICADA O

- Advertisement -

Con “moita ilusión e gañas”, o PP de Lugo dispón de oito meses para lograr “que os lucenses se sintan realmente representados”. O discurso da presidenta provincial, Elena Candia, mesturou a reivindicación, a planificación e a crítica durante a reunión da Xunta Directiva que estableceu as liñas estratéxicas da campaña para as municipais de 2019. O obxectivo, recobrar as alcaldías máis débiles dos socialistas e obter o control da Deputación, onde están a un representante da maioría que sumaron PSdeG e BNG en 2015.

Para Candia, o Partido Popular parte de cero. Unha mensaxe orientada a quen dubida entre os conservadores e o seu rival pola dereita, Ciudadanos. Sen mencionar esta formación, que afronta unha agresiva expansión territorial na provincia de Lugo, estableceu un cordón sanitario para atraer os máis novos e incluso a candidatos da sociedade civil. “Contamos con todos, seguimos xuntando xente nova e afiliación. É un bo momento para facer fichaxes independentes e de prestixio profesional ou intelectual”.

Mais a cerna da campaña estará na artillaría dirixida contra as administracións controladas polo PSdeG. “Na nosa provincia son un partido sen proxecto político, absorbido polo enfrontamento interno”. Dos socialistas dixo Candia que “non son útiles” e que “xa non enganan a ninguén, son especialistas na imaxe, só niso”. Por iso, arengou aos seus compañeiros de filas a “ser a voz dos 67 concellos, acadar a súa confianza, devolver a estabilidade perdida cos dirixentes socialistas”.

Xunta Directiva do PP de Lugo
Xunta Directiva do PP de Lugo

Para a presidenta do PP lucense, nesta lexislatura o único que conseguiu o PSdeG foi desprestixiar a Deputación provincial. Comparou este caso co do Concello de Lugo e mesmo o goberno central. “Tres escenarios moi semellantes, o presidente que temos en San Marcos foi accidental, a alcaldesa que temos na Praza Maior foi accidental, e Sánchez tamén chegou á Moncloa pola porta de atrás”. Un síntoma de que acusan a presión da maquinaria ministerial é a concentración dos postos con peso administrativo e mediático en mans do partido do puño e a rosa.

Pese a todo, Candia reivindicou que no Partido Popular “temos que seguir motivados para reverter o escenario político”. Así, salientou que “por algo somos o primeiro partido de Galicia, o primeiro de España, e somos a forza máis votada na nosa provincia”.

ÚLTIMAS

Primeiros traballos para Miguel Fernández: obras no centro histórico e a aprobación dos orzamentos

O novo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, fixo unha primeira valoración dos seus primeiros...

ALCER recibe os parabéns da Deputación por “mellorar a calidade de vida” das persoas con doenza renal

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, agradeceu á Asociación para a...

Detidos dous veciños de Lugo por supostas agresións ás súas respectivas nais

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron nas últimas horas a dous veciños da cidade, como supostos...

Miguel Fernández, novo alcalde de Lugo

Miguel Fernández converteuse este martes no novo alcalde de Lugo, o terceiro en dous anos,...