InicioPolítica“Ciudadanos está implantado legalmente en Monforte, Guitiriz, Chantada e Outeiro”

“Ciudadanos está implantado legalmente en Monforte, Guitiriz, Chantada e Outeiro”

Laureano Bermejo, secretario de organización de Ciudadanos en Galicia, dá conta da expansión e os obxectivos da formación na provincia de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Forma parte da renovación efectuada na executiva galega de Ciudadanos, onde ocupa a secretaría de organización. Laureano Bermejo é propietario dun negocio de autoescola e foi outrora cabeza de cartel de UPyD por Ourense, nos comicios autonómicos de 2012. Na actualidade, adica as súas enerxías a construír os equipos da formación por toda a provincia de Lugo, pola que apostarán de xeito decidido nas vindeiras eleccións municipais.

Partindo de Lugo e agora Sarria, Ciudadanos planea expandirse a Monforte, Guitiriz, Outeiro, O Corgo… cales son os vindeiros pasos?

Ata agora estabamos implantados en Lugo e en toda a zona da Mariña, e agora comezamos a expansión. O primeiro grupo local que se abriu foi o de Sarria, pero temos en Chantada, Monforte, Guitiriz e Outeiro xa ás portas. De feito, legalmente xa están implantados, só falta a presentación pública.

Cantas candidaturas haberá na provincia? Porque estamos xa a menos dun ano para as municipais.

O noso obxectivo é presentarnos en 18 ou 20 concellos, coa intención de seguir subindo. A verdade é que tampouco me poño un obxectivo claro nin tampouco un límite; a medida que vanse abrindo os grupos locais, realízase un efecto chamada sobre a xente derredor. É curioso, porque realmente é a xente a que nos chama para solicitarnos que nos implantemos nos seus concellos.

Estes equipos serán nomeados pola directiva, como sucedeu en Sarria, ou abrirase un espazo de participación para a militancia?

Nos grupos locais, seguindo o regulamento da organización, é a secretaría de organización a que nomea a xunta directiva. No intre en que pasen a ser agrupacións, a xunta directiva será elixida nun proceso de votación e listas pechadas. Pero o paso previo da agrupación é o grupo local, e niso estamos. Cando cumpran os requisitos, seguindo o seu regulamento, serán as agrupacións as que elixan a xunta directiva.

Cal será o perfil, o tipo de candidato destes equipos?

A xente é a primeira que se pon en contacto con nós. Temos entrevistas coa xente que quere participar do proxecto, e o que vemos é que a xente ten iniciativas de cara a Ciudadanos, comulga coas ideas de Ciudadanos, participa, cre no ideario e que comparte o noso sentir da política.

É un sentir moi normal, de xente tradicional que ten o seu traballo e o seu xeito de vivir, xente que vén do ámbito profesional, non son políticos de profesión. Ven que pódense mellorar algunhas cousas e toman a decisión de participar de xeito activo nun proxecto político.

Non buscamos un perfil político, como fan outros partidos. Buscamos xente con capacidade de escoitar aos seus veciños e capacidade de resolución de problemas.

E que hai da incorporación de Jacobo Vázquez, ex de Terra Galega? Responde a este perfil?

A verdade é que é un rapaz que, cando falamos con el, pareceume moi interesante, ten unhas ideas moi axeitadas. Ten escoita, valoración e resolución de problemas. Estivemos observando a súa traxectoria e o seu vencellamento a outro partido, pero tamén a súa participación na vida pública.

É unha persoa cunha gran aceptación entre a xente, na rúa. É un pouco o que procuramos. Sería incongruente pechar as portas a xente por vir doutro partido político cando o que estaríamos a facer, ao mellor, sería desprezar talento. O que queremos é sumar equipos, xente con capacidade para resolver problemas.

Como valoran o traballo feito en Lugo, a punta de lanza na provincia e a nivel Galicia?

A valoración que temos é moi positiva. Con Olga Louzao á cabeza da agrupación, os resultados foron moi bos e así están reflictidos nas enquisas, que indican unha consolidación con cinco concelleiros. E aspiramos á alcaldía de Lugo. Aspiramos porque vexo que a xente pola rúa para a Olga, pregúntalle, a anima a seguir. Ciudadanos vai pór todo, vai facer un esforzo moi importante no Concello de Lugo para que Olga sexa a vindeira alcaldesa.

A voceira Olga Louzao, o ex de Terra Galega Jacobo Vázquez, e Juan Vidal-Pardo, coordinador de Ciudadanos en Lugo
A voceira Olga Louzao, o ex de Terra Galega Jacobo Vázquez, e Juan Vidal-Pardo, coordinador de Ciudadanos en Lugo

Falemos do que aprendeu Ciudadanos dende as anteriores municipais. Que fará distinto a formación a nivel local?

No ano 2015, Ciudadanos era un partido moi novo en Galicia. A xente votounos pero non nos coñecía como o fai agora, cando a xente ve a Ciudadanos como un equipo consolidado, un partido no que se pode confiar. Non só en Galicia ou en Lugo, en toda España, e así o demostran as enquisas. É un partido destinado a gobernar o país, e o mesmo pasará nas municipais. Así o ven os cidadáns de Lugo.

O que están a procurar é un partido novo con ideas novas, porque a situación en Lugo a ninguén se lle escapa que é moi complicada. A situación da alcaldesa de Lugo non lle favorece para nada, hai cousa de cinco meses estiveron a piques de facerlle unha moción de censura. O equipo de goberno non funciona.

É normal que os veciños busquen un partido novo, que non teña problemas con respecto á corrupción –poderiamos pensar no Partido Popular–, nin problemas na xestión –como o Partido Socialista– ou problemas doutros partidos, que non souberon trasladar esa imaxe e os resultados foron negativos. É a hora de Ciudadanos, de que Lugo teña unha alcaldesa de Ciudadanos.

O certo é que a Ciudadanos costoulle máis entrar en Galicia ca noutros territorios.

Eu non penso que costara máis. Si que é certo que Ciudadanos ten un percorrido nacional relativamente curto. Pero peor entrada tiña, ao mellor, en Cataluña, e foi o partido que gañou as eleccións. Os resultados das votacións están aí. Cando a xente me pregunta, non falo de enquisas nin valoracións, imos esperar aos resultados. En Cataluña, cun millón cen mil votos foi o partido máis votado.

En Galicia non vexo un problema de penetración. A nosa mensaxe é ben recibida, é unha mensaxe directa, clara e de sentido común, moi aceptada pola sociedade, que fai eco dunhas políticas de sentido común. Os problemas á hora de entrar son parte da xuventude, e atendendo ao xeito de pensar que temos os galegos, con certo receo ao novo. Ata que non se asenta a idea, hai distanciamento. Pero cando vén que chegas con boas intencións e un bo xeito, a xente acéptate. O nivel de aceptación será importante nas eleccións do ano que vén.

E non sorprende que sexa precisamente Lugo, con moito territorio interior e con dispersión poboacional, onde Ciudadanos acadou esta representación?

Iso demostra que un bo proxecto e unha boa xestión consolidará os bos resultados que xa tivemos en Lugo. Se os concelleiros de Ciudadanos non estiveran a altura das expectativas creadas no seu día, seguramente non teriamos esta boa valoración dos concelleiros de Lugo e non teriamos a oportunidade de loitar pola alcaldía.

Pasa o mesmo a nivel nacional, repito, é o mesmo que sucedeu en Cataluña, con 3, 5, 11… ata chegar ao número de parlamentarios da actualidade. E igual cos deputados nacionais, a xente ve que o traballo de 32 deputados é moi importante, e que estamos a facer máis cousas ca outros que teñen unha cifra maior.

Vemos o rendimento dos concelleiros e deputados nosos, en número de proposicións e proxectos, e miramos que outros fan moi pouco e limítanse a votar –ás veces, trabucándose, como sucedeu coa votación da Televisión Española–. Vendo os resultados das nosas iniciativas, as cousas funcionan.

O votante sabe quen traballa e quen non. E cando depositas un voto nunha urna, queres que traballe para ti. Se en Lugo temos estas aspiracións e estas previsións, é porque pálpase no ambiente. O traballo tanto de Olga como de Suso foi moi valorado.

Será suficente para acadar a Deputación de Lugo?

Nun terreo como a Deputación non entramos. Unha das premisas de Ciudadanos é a eliminación das deputacións, porque non queremos duplicidade de administracións, non é beneficiosa. Foron creadas cunha finalidade determinada que non cumpren. Temos que revisar o modelo. Centrarémonos nos concellos nos que ímonos presentar, centrarémonos en conseguir alcaldías e representación nos concellos.

Cando estarán pechados os equipos para os distintos concellos?

Despois de verán comezaremos coa precampaña. O comité autonómico presentará os candidatos para as distintas alcaldías en xaneiro. A partir de aí, quedarán configurados os equipos adicados a confeccionar as listas electorais.

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo acusa os bombeiros de incumprir servizos mínimos en Vilalba e ameaza con accións xudiciais

A Deputación de Lugo acusa os bombeiros do parque de Vilalba de incumprir os servizos mínimos...

O PP de Lugo presenta trinta propostas para os orzamentos municipais de 2024

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, explicou a batería de propostas que...

Un condutor dá positivo en alcol e drogas tras sufrir un accidente en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo foron mobilizados en pasado martes por mor dun accidente de tráfico rexistrado...

Traballadoras da limpeza dea Lugo protestan ante o Parlamento pedindo a mediación da Xunta

Traballadores do sector da limpeza de Lugo trasladaron a súa protesta este martes ás...