A concelleira popular no Concello de Lugo, Beatriz Vázquez, reprochou ao BNG que “a 40 días do San Froilán” apele ao consenso para organizar as festas, tras o chamamento feito a este respecto desde o goberno local.
“A estratexia do buenismo coa que expoñen a próxima reunión da comisión de festas non é crible xa que os nacionalistas levan todo o mandato aplicando o rodete coa organización das patronais para facer contratacións a dedo do seu afíns“, apunta.
Os populares sosteñen que o feito de que “a 40 días do San Froilán o BNG apele ao consenso para organizar as festas deste ano é unha broma de mal gusto”. E é que para a concelleira do PP “a man tendida dos nacionalistas é un xesto ficticio co que buscan dar unha saída a un tema espiñento do que non se ocuparon porque están e seguen de vacacións“. No entanto, avanza que asistirán á reunión prevista e presentarán as súas propostas.
PROPOSTA DE LUGO MONUMENTAL
Mentres, Lugo Monumental solicita ao Concello que autorice instalacións de caldeiros de polbo no centro histórico e o comunique con antelación. A asociación entende que dadas as condicións que se impoñen aos industriais para montar as tradicionais casetas do polbo “é probable que estas non se instalen este ano”.
Por iso, considera que autorizar pequenas instalacións en todo o centro histórico sería unha boa alternativa. “Isto xa se fixo en anos anteriores, aínda que se comunicou con moi pouca antelación e non houbo posibilidade de prepararse debidamente”. Por iso, pide que esta medida “se adopte con urxencia e comuníquese aos interesados”.